Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO PREÁMBULO FÁLASE DUN "SENTIMENTO NACIONAL" DENTRO DE ESPAÑA

O PPdeG ve o país como unha "das rexións históricas do mundo occidental"

Feijoo presentou o seu preámbulo como un gran esforzo de aproximación aos nacionalistas. No texto sinálase que "Galicia xa é identificada en toda Europa como unha das rexións históricas do mundo occidental, asociada á súa dobre condición de finisterre continental e de centro xeográfico da cristiandade xacobea que á súa vez, no Camiño, forxa as identidades española e europea". Socialistas e nacionalistas consideraron que era inaceptábel. Ofrecésmolle no interior o texto completo.

- 10:50 18/01/2007
Tags:

"O pobo galego ten unha identidade propia, froito de séculos de historia común. Unha identidade xeográfica, xurídica, económica e cultural da que a lingua é o máximo expoñente. Desde a Idade Media, Galicia xa é identificada en toda Europa como unha das rexións históricas do mundo occidental, asociada a súa dobre condición de finisterre continental e de centro xeográfico da cristiandade xacobea que a súa vez, no Camiño, forxa ás identidades española e europea.

Como expresión política da súa identidade, o pobo galego arelou, desde os momentos iniciais da construcción do Estado español contemporáneo, institucións de autogoberno no seo dunha España democrática, plural e solidaria.

O pensamento e a tradición galeguista que as forzas políticas comparten describiron esta identidade propia con diferentes expresións ao largo da historia. Xa na Proclama do 15 de abril de 1846, os provincialistas demandaran ao Goberno de España a restitución da Xunta Superior do Goberno de Galicia, para consagrala "a engrandecer o antigo Reino de Galicia". Posteriormente, tanto os federalistas, como os rexionalistas, os solidaristas, os galeguistas e como manfestación dun sentimento nacional, os nacionalistas, arelaron todos eles a autonomía política de Galicia dentro de España e o fortalecemento da súa vocación europea.

A Constitución Española de 1978 garante o dereito de Galicia a acceder á autonomía política. E recoñece de forma explícita as arelas históricas de autogoberno do pobo galego, ao lembrar na súa disposición transitoria segunda que a vontade de acceder á autonomía dos galegos e galegas xa se manifestara libre, democrática e maioritariamente no referendum celebrado o 28 de xuño do ano 1936.

Ao abeiro da Constitución, o pobo galego refrendou o 21 de decembro de 1980 o Estatuto de Autonomía que permitíu a Galicia constituir as súas primeiras institucións democráticas. A posta en marcha e o desenvolvemento das institucións autonómicas ao longo do último cuarto de século permitiron á sociedade galega avanzar en todos os eidos como nunca antes o fixera na súa historia, así como reforzar o sentimento de pertenza á nosa nacionalidade histórica. Por estes motivos, o Estatuto de Autonomía é hoxe un punto de encontro para a inmensa maioría dos galegos.

A sociedade galega é unha sociedade democrática, plural e aberta a un mundo en constante e cada vez máis intensa transformación. Desde 1981, téñense producido importantes cambios, entre os que destacan a incorporación de Galicia e as demáis Comunidades Autónomas de España á Unión Europea; a aparición de novas demandas cidadáns vencelladas a competencias autonómicas relacionadas coa garantía de dereitos fundamentais; e a experiencia acumulada no exercicio do goberno e nas relacións institucionais coas demáis institucións do Estado autonómico e a Unión Europea.

Coa finalidade de actualizar a norma institucional básica da Comunidade Autónoma, que establece que a súa tarefa principal é a defensa da identidade de Galicia, dos seus intereses, e a promoción da solidariedade entre todos cantos integran o pobo galego, as forzas políticas que lexítimamente o representan acordaron reformar o Estatuto de Autonomía, ao igual que aqueles que nos antecederon na primeira experiencia estatuinte, delimitando o traballo "dunha parte, pola constitución do Estado español, e doutra, pola apreciación desapaixoada do que a Galicia lle convén".

Con este propósito, os representantes do pobo galego e as Cortes Xerais aproban, e o pobo galego refrenda, a presente reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981."


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: