Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OS NACIONALISTAS VEÑEN DE PRESENTAR O NOVO DOCUMENTO

O BNG propón Galiza "nación" para o preámbulo e "nacionalidade" para o articulado

As negociacións para un novo Estatuto están entrando nunha fase decisiva. Este xoves o BNG entregoulle a socialistas e populares a súa última proposta, que modifica sensibelmente a que presentou hai meses. Na cuestión identitaria, o Bloque propón o seguinte preámbulo: "O sentimento galeguista que nos une como pobo e o Parlamento que nos representa como cidadanía definen a Galiza como nación. A Constitución recoñece no seu artigo segundo o carácter nacional de Galiza como nacionalidade". No articulado figura que "Galiza, como nacionalidade, no exercicio do seu dereito de autogoberno constitúese en Comunidade Autónoma de conformidade coa Constitución e co presente Estatuto, que é a súa norma institucional básica". En canto á cuestión lingüistica, o texto subliña que "o galego é a lingua propia e oficial de Galiza. Todos os galegos e galegas teñen o deber de coñecelas e todas as persoas teñen o dereito a usalas. O castelán tamén é lingua oficial en Galiza". Vieiros ofrécelles o documento íntegro (.pdf) que se debate.

- 13:57 12/01/2007
Tags:

Con esta iniciativa os nacionalistas queren desbloquear o proceso identitario. Fontes do Bloque consultadas por Vieiros subliñan que o documento é practicamente o mínimo que pode apoiar a organización política e supuxo un esforzo. Agora coidan que o PSdeG e, sobre todo, o PPdeG son os que teñen que posicionarse claramente. Sexa como for, no seo da fronte nacionalista vislumbran poucas posibilidades de que haxa un acordo antes das municipais. A cuestión identitaria semella ser unha cuestión infranqueábel. O vindeiro día 17 haberá unha reunión crucial entre Touriño, Quintana e Feijoo, pode ser unha das últimas oportunidades dun Estatuto de primeira.

Conferencia de prensa
Logo de coñecerse publicamente o texto, o deputado nacionalista Carlos Aymerich compareceu diante dos medios de comunicación para explicar a posición do BNG. Sinalou que era "moderadamente optimista" e que agardaba un pequeno avance no debate. Aínda así deu algunhas claves: "O que non fagamos en xaneiro vai ser case imposíbel facelo máis adiante, nesta lexislatura".


Documentos

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: