A Secretaría Xeral de Política Lingüística iniciou esta mesma semana a distribución do tradutor automático Es-GI no sector da Xustiza. O departamento que dirixe Marisol López vai distribuir este soporte informático en case 1.100 puntos. Os lugares escollidos son o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), as audiencias provinciais, xulgados, fiscalías, notarías, rexistros civís, mercantís e colexios profesionais. Dende Política Lingüística coidan que desta maneira poderán facerse traducións inmediatas do castelán ao galego, aínda que se necesitará unha revisión última para asegurar unha versión de cualidade.
A Xunta quere garantir así a posibilidade de sermos atendidos no noso idioma no sector xudicial, un nos que o galego ten unha presenza máis feble. De feito, o Plan Xeral de Normalización, aprobado en 2004 polo Parlamento, estabelece a necesidade de introducir o galego como lingua habitual de traballo neste sector.