Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ASEGURA QUE O CONGRESO É "EXEMPLO de COMO HAI QUE FACER AS COUSAS NO PPdeG"

O novo presidente do PPdeG promete "diálogo e debate interno"

"O debate constante non ten nada que ver co conflito caprichoso nin cos personalismos insolidarios", declarou Alberte Núñez Feijoo. Antes de que os compromisarios saíran botar o seu aval nas urnas, o líder entrante do PPdeG prometeulles defender a continuidade do debate interno "coma ximnasia para manter a frescura do partido" e para a construción dun proxecto baseado en que "Galiza non é un país apagado que lle diga amén a todo". Advertiulles malia todo que "o debate leva a unha conclusión, que xa non é só dunha parte, senón de toda a organización en conxunto".

- 16:39 15/01/2006
Tags:

"Eu tamén nacín na aldea, nos Peares", comentou Alberte Núñez Feijoo no inicio da presentación da súa candidatura, "e a miña aldea non me impediu coñecer novos horizontes nin ter novas experiencias", afirmou para logo adicarlle chiscadela ao presidente dos populares ourensáns e lembrar que na súa infancia "para facer vida normal precisaba de ir a catro concellos e dúas provincias, pero o mellor de todos era Nogueira de Ramuín, porque era alcalde o señor Baltar". Nunha cita congresual onde á beira dos presidentes provinciais e das deputacións Feijoo destacou a entrada ao comité executivo coma membros natos dos líderes do PPdeG nas sete cidades galegas, o novo líder esforzouse en subliñar que a fortaleza do partido virá da "unidade" e a convicción de que "o PPdeG non son catro senón un, porque a Galiza de hoxe non son 315 concellos e catro provincias". "O candidato que vos fala non cre nas cotas, senón nos méritos", aseguroulle Feijoo aos compromisarios presentes antes de presentarlles a definitiva lista da súa candidatura, que equilibra poderes e reparte protagonismos para as catro baronías populares.

"Hoxe aquí únennos unhas ideas e principios arredor do noso país, Galiza, e da nosa nación, España", dixo Feijoo chamando aos militantes populares a "enfrontar retos diferentes que esixirán de nós intelixencia, adicación e por riba de todo capacidade para sumar máis galegos á gran corrente popular". "As novas ideas precisan de novas caras e novas forzas, de novas xeracións", comentou para a continuación subliñar que "son un home que cre nos equipos, e o equipo non é cohorte de acompañamento senón xente que é mellor ca min". Ao fío, quixo lembrarse dos "equipos dos que eu formei parte, xente que adicou a vida a facer este partido", e citou os nomes de "Xosé Manuel Romay e Francisco Álvarez Cascos: pódeos haber igual de fraguistas, pero máis non é posíbel", dixo.

A sucesión "difícil" desde a oposición
"Lembrade como se nos vía hai poucos meses: divididos segundo múltiples preferencias e criterios, desde a dirección estatal á autonómica, das provinciais ás locais", puntualizou Alberte Núñez Feijoo logo que os 2.257 votos emitidos este domingo polos compromisarios, apenas 90 en branco e 8 nulos, confirmasen a súa suba ao trono popular. Feijoo recoñeceu as complicacións dun proceso "que tivemos que facer desde a oposición" e recordou "os erros e as divisións que cometemos estes meses" e gabou a "responsabilidade por parte de todos nestas etapas: os candidatos respetámonos, os dirixentes dixeron en liberdade o que pensaban e a militancia deu a súa opinión en todos os lugares".

"Galaico-españois"
"Somos a gran maioría social de Galiza", dixo o novo presidente do PPdeG pedindo o apoio de "todos eses votantes que se arrepinten de terlle dado o voto a PSOE e BNG". "A historia de Galiza e a do PPdeG van xuntas. Din que usamos procedementos impropios para buscarmos o voto", comentou, "pero ese procedemento é a democracia e nós somos coma os galegos queren que sexamos: a xente mírase en nós e ve reflictida a Galiza que quere".

"Hai algúns que non saben ben o que son ou que teñen até oito fórmulas máxicas para definilo. Nós non esiximos RH, somos galaico-españois. O noso galeguismo non copia modelos alleos porque Galiza é o mellor modelo", achegou Feijoo pasando a criticar que "os socialistas en cinco meses arriaron a bandeira de Galiza". Feijoo pechou a súa intervención gabando a a figura de Manuel Fraga do que dixo que "imaxinou unha autonomía plena e un pobo sen minifundios mentais" e asegurou que se Mariano Rajoy non fose o presidente do PP non tería presentado a súa candidatura neste congreso.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: