"Se no seu momento o nomeei vicepresidente primeiro da Xunta non creo que teña que dar máis explicacións", afirmou este sábado Manuel Fraga no inicio do Congreso que oficializará a fin do seu reinado no PPdeG, ao respecto do home que o relevará no cargo, Alberte Núñez Feijoo. Sobre a ausencia de Xosé Cuíña nesta cita referiuse o presidente da deputación de Ourense Xosé Luís Baltar, comentando que "o que non quere vir non o imos obrigar, pero desde logo, hai que estar".
Manuel Fraga confirmaba así a súa beizón ao que desde este domingo será novo líder do partido e de paso cualificaba de "magnífica" a súa proposta de candidatura, ao respecto da cal o propio Alberte Núñez Feijoo lle agradecera publicamente este venres que a estudase sen propoñerlle ningunha modificación. O aínda líder do partido dixo estar seguro de que Feijoo saberá manter a unidade do partido e ao tempo traballar por "melloralo e poñerlo ao día". Fraga opinou que o PPdeG amosou "saber renovarse", e subliñou a súa satisfacción por como se resolveu o proceso sucesorio. Engadiu ademais o presidente saínte que o seu relevo "é un home intelixente e moi adestrado que coñece ben a realidade galega e española".
Sen Cuíña nin cuiñistas
"Eu sempre dixen que cando se pedía un congreso para a sucesión, desde o día da súa celebración e aínda que eu en principio defendese outra cousa, estaría con quen saíse escollido presidente desta cita", quixo subliñar o presidente dos populares ourensáns, Xosé Luís Baltar, ao chegar ao Congreso este sábado. Baltar insinuaba así unha velada crítica á ausencia de Xosé Cuíña no foro popular desta fin de semana, afirmando que "hai que ser demócratas" e "apoiar o líder que foi escollido".
"Algúns pensaban que isto ía rematar coma o rosario da aurora e que racharía o partido", comentou, "pero todos, desde os dirixentes aos militantes loitaron polo futuro do partido e escolleron o mellor", afirmou un Baltar que dixo estar seguro de que "a militancia está satisfeita de cómo se garantiu o futuro do PPdeG para despois de Manuel Fraga".
Pouco debate nas ponencias
"Foron emendas de énfase, fundamentalmente, que afondaban no que a propia ponencia xa propoñía", asegurou Pedro Puy, relator da ponencia arredor da reforma estatutaria, subliñando un consenso no debate no que tamén insistiron os outros tres ponentes. "Conseguimos o noso obxetivo de facer un documento onde o PPdeG renova o seu compromiso galeguista nesta etapa trascendente e diferente á que nos enfrontamos", afirmou Puy, logo de explicar que cinco das 25 emendas foran retiradas, e do resto, 13 aceptadas e 7 transaccionadas.
Pola súa banda, Belén Prado, relatora da ponencia "Pleno Emprego", subliñou que o seu texto está basado "no obxetivo que o partido xa se marcara no programa electoral co que fomos ás últimas eleccións autonómicas" e criticou que "os partidos que hoxe teñen a honra de gobernar Galiza cualificaran as nosas ideas ao respecto de ciencia ficción, cando ficción son as propostas que até o de agora ofreceron no que levan de goberno". Na opinión de Prado, o bipartito tería fracasado deica agora na promesa de ofrecer iniciativas reais e ambiciosas para a creación de emprego en Galiza. Ao tempo, propuxo a creación dun Observatorio Galego do Emprego, que faga seguemento continuo da situación, cambios e demandas do mercado laboral galego.