O tenente xeneral José Mena Aguado, xefe da Forza Terrestre do Exército español, comezou o seu discurso deste venres durante a Pascua Militar en Sevilla confiando en que ningún Estatuto ía sobrepasar os límites da Constitución, mais avisou "das graves consecuencias que tanto para as Forzas Armadas como institución como para as persoas que as integran podería conlevar a aprobación do Estatuto de Cataluña nos termos en que está formulado", e subliñou que un deses termos sería o de esixir o coñecemento "dunha lingua particular". Os portavoces de CiU e ERC cualificaron de "inadmisibeis" estas declaracións, o PNV chámalle a Mena "golpista" e o coordinador de IU pide o seu cesamento. O PP ve nas súas palabras un "reflexo da situación que vive o país". O xefe do Estado maior vén de pedirlle a Bono que cese o tenente, e o ministro xa se citou con el para este sábado coa posíbel intención de aplicarlle algún tipo de sanción.
Mena Aguado chegou a afirmar que "o feito de que nunha autonomía sexa esixibel o coñecemento da súa lingua particular é unha aspiración desmesurada que obrigaría nas Forzas Armadas a regularlle os destinos a esa autonomía da misma forma que actualmente se regulan os destinos no estranxeiro". De todos xeitos subliñou que "afortunadamente, a Constitución marca unha serie de limites infranqueabeis para calquera Estatuto de autonomía".
A última hora da tarde o xefe do Estado maior propuxolle a Bono o cesamento de Mena como xefe da Forza Terrestre, e o ministro de Defensa xa convocou para mañá o tenente xeneral. Nalgúns círculos xa anunciou que se prevé algún tipo de sanción.