Vieiros

Vieiros de meu (ou rexistrate)

Eleccións Galiza 2009

ir á portada do especial
Entrevista: Salvador Morales e Xurxo Martínez Crespo

"Galiza está en débeda con Almoina"

Falamos con dous dos principais expertos na figura do loitador galego antifranquista e antitrujillista, eclipsado pola "sobredimensionada" figura do peneuvista Galíndez.

Fernando Arrizado / Vídeo e fotos: Isabel G. Couso - 12:00 09/05/2010
Moreda e Martínez Crespo, en Vieiros

Moreda e Martínez Crespo, en Vieiros

Así que finaliza a guerra civil española e malia o seu anticomunismo recalcitrante, o ditador dominicano Rafael Leónidas Trujillo decide acoller un gran número de exiliados do franquismo. Por que o fai? Explícao Salvador Morales (La Habana, 1939): "En primeiro lugar, Trujillo saíra moi estigmatizado dun masacre de haitianos en 1937. Un escándalo internacional que frustrou os seus plans de ser promovido a Premio Nobel da Paz. En segundo lugar, quería branquear o país ('bioloxicamente'), non só con republicanos senón tamén con xudeus que se estabeleceron en Sosúa. Unha inmigración que lle daba boa reputación e que colocada en determinados puntos da fronteira podía constituír un valado branco. E en terceiro lugar, recolleu todos os talentos, o mellor da cultura española que naquel momento saíu ao exilio".

José Almoina (Lugo, 1903) foi un dos moitos talentos galegos que aportaron nas costas dominicanas. Canda el viaxaba a súa familia. Atrás deixaban a terra e experiencias difíciles de esquecer. A súa muller, Pilar Fidalgo, plasmou as súas máis dolorosas lembranzas no libro Une jeune mère dans les prisons de Franco, escrito en 1937 en Francia, e que supón o primeiro testemuño dunha muller sobre as torturas e a represión nos cárceres franquistas. O colaborador de Vieiros Xurxo Martínez Crespo recupera o texto para o seu libro José Almoina e Pilar Fidalgo. Exilio. Dominicana, México (A Nosa Terra, 2009).

En Dominicana, Almoina, masón e socialista, chega a ser profesor universitario, primeiro, e mestre particular do fillo de Trujillo e secretario persoal do propio ditador, despois. A aceptación do posto valeulle a expulsión do PSOE no exilio. O galego foxe a México coa súa familia, mais antes, durante os poucos meses que permanece no goberno do ditador, realiza un informe secreto sobre as actividades desestabilizadoras de Trujillo en Cuba e Venezuela.

O libro de 1949 Una satrapía en el Caribe: Historia puntual de la mala vida del déspota Rafael Leónidas Trujillo, que asina co nome falso de 'Gregorio R. Bustamante', recolle esas denuncias. Un ano despois edita co seu nome real Yo fui secretario de Trujillo, unha loa ao ditador destinada a despistar o réxime. Porén, logo de se agochar durante máis de 12 anos, morre asasinado en México por dous pistoleiros cubanos, o 5 de maio de 1960, un día despois de ser atropelado e baleado. As súas derradeiras palabras foron: "Foi Trujillo".

Hai uns días, aproveitando a presenza de Salvador Moreda para presentar a obra Almoina, un exiliado gallego contra la dictadura trujillista (Universidad Michoacana, 2008) no noso país, xuntamos na lareira de Vieiros estes dous expertos na vida do loitador galego antifranquista e antitrujillista. A historia, inxusta, fixo de Almoina un colaboracionista, e de Jesús de Galíndez, exiliado vasco tamén asasinado por Trujillo e popularizado polo escritor español Manuel Vázquez Montalbán, un heroe. Ambos os dous libros rompen con eses tópicos.


Vieiros: A importancia histórica de Almoina é incuestionábel, mais a súa figura é aínda amplamente descoñecida. Por que?
Salvador Morales
: Polo controvertido da súa personalidade, difícil de abordar. Cómpre valorala de dúas maneiras: entendendo de xeito omnicomprensivo o seu saldo positivo como político e home da cultura. E tamén desde a visceralidade con que se analiza unha figura que deixou denuncias escarnecedoras dos personaxes do trujillismo que aínda supuran por unha ferida que non acaban de pechar na sociedade dominicana. En Galiza son os restos do franquismo metamorfoseado, xa que Almoina como tantos outros republicanos loitadores contra o fascismo non acaba de ter o lugar que merece.

Con todo, tamén desde certas posicións da esquerda aínda é acusado de colaboracionista do trujillismo ...

Xurxo Martínez Crespo: O ano pasado o PSOE fixo un acto de restitución dunha trintena de exiliados que foran expulsados do partido, comezando por Negrín (ex primeiro ministro español, e presidente da República no exilio). Mais na listaxe non estaba Almoina. Fóra dos resquicios dunha transición que reconverteu marxistas en políticos de centro, existe unha gran desmemoria histórica tanto en Galiza como en gran parte do Estado. No País Vasco, por exemplo, onde sempre gobernou un partido nacionalista, a figura de Jesús de Galíndez é totalmente sobredimensionada con respecto a Almoina.

Mais Almoina foi secretario persoal de Trujillo ...

X.M.C
: Almoina é un perdedor por partida dobre. Perde a guerra e no exilio dominicano vese na obriga de aceptar ese cargo por protexer a súa familia. E ademais é perdedor porque unha vez denuncia a ditadura trujillista -moito antes que Galíndez- vai a México que estaba cheo de exiliados e é tratado como un apestado. A súa familia xogou un papel moi importante. Galíndez denunciou a ditadura 12 ou 14 anos despois de marchar de Dominicana e non arriscaba a vida de ninguén. Almoina tiña á súa muller, á súa sogra e aos seus catro fillos. Galíndez, ao PNV e ao goberno do país máis poderoso do mundo, como axente dos servizos de intelixencia dos EUA.

Como era a relación entre Almoina e Galíndez?

S.M.: Foi distante e crispante en determinados momentos. Almoina, por exemplo, recibiu a 'orientación' de que a moza de Galíndez non fose aprobada nun exame que tiña que pasar. Non sabemos que outros elementos se conxugaron, mais sabemos que desde ese momento houbo inimizade entre eles. Galíndez di que Una satrapía ... era da pluma de Almoina, algo que xa se rumoreaba nos círculos republicanos, e que confirmou as sospeitas do trujillismo e polo que foi executado Almoina en 1960. Mais cando Galíndez desaparece (foi secuestrado en Nova York e asasinado en 1956 por Trujillo), Almoina escribe unhas páxinas onde ten un gran xesto de nobreza cara a el.

Galíndez cumpría unha dobre función para os servizos de intelixencia estadounidenses: por unha banda, informaba dos movementos dos nazis que chegaban a Dominicana e pola outra dos exiliados republicanos, non é?

X.M.C.: O PNV foi un partido que conseguiu artellar unha estrutura e un sistema de información importantes no exilio. Aposta por un achegamento ao goberno dos EUA, e a partir de 1942 entra, por exixencia estadounidense, na nómina dos seus servizos secretos. O lehendakari José Antonio Aguirre fai unha visita oficial a Dominicana e viaxa nun avión da forza aérea dos EUA cos soldados. Era un convenio contractual: EUA aproveitaba as fontes vascas e o PNV agardaba saír beneficiado tras unha hipotética caída de Franco. Galíndez vixiaba os nazis, tamén os republicanos e, dentro destes, a Almoina. E el sabíao.

S.M.
: Eu creo que vixiaba fundamentalmente os comunistas. É unha tarefa que lle encarga Aguirre directamente. Polos testemuños de persoas que aínda viven, que coñeceron tanto a Galíndez como a Almoina, vese que tomara ben en serio a misión. O primeiro estaba en todo: no parque, no teatro, nas conferencias, facendo contactos alí e alá, mentres que o segundo era un home retraído, de pouca vida social.

Xurxo Martínez comenta no seu libro que este carácter de Almoina podería estar relacionado coa súa masonería. Tamén ten a teoría de que a súa 'irmandade' o puido favorecer en determinados momentos da súa vida ...

X.M.C.: Cando comeza a guerra, Almoina é xefe de Correos en Benavente. A súa muller, que é de alí, é detida e pasa 10 meses na cadea coa filla recén nacida. É estraño que en situacións de guerra, a muller dun funcionario de Correos poida ser intercambiada pola familia dun xeneral franquista, tal e como aconteceu. Ou como pode chegar a ser vicecónsul da República ou a fundar unha escola diplomática no exilio. Creo que a través das loxias logrou acceder a determinados postos. Cando marcha a México, edita Una satatrapía ... en 1949 e até que é asasinado en 1960 tivo que estar á espreita. A súa filla conta que tiñan un sistema de seguridade para que Almoina fose avisado cada vez que chegaban pistoleiros a México, e eu lígoo coa masonería. Mais é unha teoría.

S.M.
: A militancia no PSOE tamén desempeña un papel. El quedou moi ben relacionado con algunhas grandes figuras do partido malia ser expulsado. E a masonería é algo moi importante. O certo é que fica moito por resolver, mais do que non hai dúbida é da actividade de Almoina máis alá da mera incidencia ideolóxica nun momento, 1949, en que Trujillo estaba intervindo moi audazmente nos procesos políticos do Caribe. A denuncia que fixo Almoina tivo unha gran repercusión daquelas, aínda que Trujillo saíu indemne. Un momento en que comezan a se constituír os rexímenes de forza en América Latina, a coñecida como "Internacional do Sable". E Almoina é nesa conxuntura que interveu para tentar reverter esa tendencia que se estaba a dar.

Trujillismo e franquismo, e memoria histórica. Hai paralelismos?

X.M.C.: Nós estamos reivindicando a Almoina porque é galego, mais Salvador estao a facer dunha maneira máis universal, empezando por que o seu libro foi editado e presentado en Dominicana. Mais por paradoxos do destino, Almoina aínda a día de hoxe é unha persoa mal vista en Dominicana. A pesar deste libro, do seu asasinato, etc. Hai determinados procesos históricos -dicía Salvador- en que ti podes cortar a cabeza da serpe mais o resto do corpo permanece indemne. Aquí morre Franco na cama, mais houbo unha reconversión de siglas. Os que mandaron conservaron os seus ámbitos de poder e non sufriron nin nada lles fixo temer ou sentir vergoña polo seu pasado.

S.M.
: O final dalgúns rexímenes ditatoriais, que embarraron as mans en sangue e non tiveron unha xustiza a posteriori, trae como consecuencia que personaxes como Almoina fiquen ocultos. Ninguén quere oír falar deses crimes, sobre todo cando non son atribuíbeis á persoa senón a todo un réxime que apoiaba esa ditadura. O mesmo en España. Todas esas leis chamadas "de amnistía", "de conciliación", creo que son do máis negativo que lle pode ocorrer a un país. Fíreo dun xeito moi subterráneo, e en situacións como esta de agora que nada máis que removes un pouquiño como fixo Garzón -moi pouquiño, nada máis!- fórmase un escándalo. Vímolo na Arxentina, en Uruguai, en Chile, como se vai tapando para impedir que se faga verdadeira xustiza. Xustiza quere dicir xustiza total. Tamén cos crimes que fixeron os republicanos. E en Dominicana tampouco se fixo xustiza, e agora hai un trujillismo subxacente que cando emerxen figuras como a de Almoina e se removen eses lodos, preferiría botar terra por riba.


4,42/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:


Vídeo: Conversa na lareira de Vieiros

Capa do libro de Salvador Pérez
Capa do libro de Salvador Pérez
Capa do libro de Xurxo Martínez Crespo
Capa do libro de Xurxo Martínez Crespo
Os programas

Administración pública: inercias e urxencias dun xigante

Os principais grupos políticos teñen a convicción da necesidade dunha nova lei de función pública, malia que difiren na concreción. No medio, o PP pretende suprimir para os funcionarios a obrigatoriedade de coñecer o galego.