Segue adiante a reforma da lei de ordenación do territorio, mentres non hai data para a referida á costa e se aborta a de regulación do sector forestal.
Agustín Hernández, nunha intervención no Pleno do Parlamento
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, cualificou de "inaprazábel" a reforma parcial da Lei do Solo, e que é preciso avanzar cara a unha ordenación do solo rústico "máis consecuente" co medio rural e cedéndolles "máis competencias" aos concellos.
O Parlamento debateu este martes o proxecto de reforma da lei concibida en 2002 por Xosé Cuíña e que supoñerá a cuarta revisión do texto. A tramitación quedou despexada grazas ao apoio do PSdeG, que ademais se abstivo sobre a petición de devolución do texto que solicitou o BNG.
Hernández salientou que a modificación vai "axilizar" a tramitación dos planos urbanísticos municipais, dos que só están completados 39 dos 315 concellos. Tamén supoñerá acelerar a concesión de licenzas en chan rústico, de entre un 60% as obras maiores e un 80% as menores, eliminando os tres meses de trámite para solicitar a autorización da Xunta.
A voceira de Territorio do BNG, Teresa Táboas, defendeu unha emenda á totalidade da lei, por entender que a normativa pretende "trasladar a especulación inmobiliaria ao chan rústico", en detrimento dos sectores produtivos. "Non lles abondou esnaquizar os núcleos urbanos e o litoral", recriminoulle ao PPdeG.
Ordenación do Litoral
Así mesmo, Hernández admitiu "erros e inexactitudes" no documento previo á aprobación inicial do Plan de Ordenación do Litoral (POL), mais "ofreceulle a man" aos concellos e aos partidos da oposición "para melloralo" e conseguir un modelo "propio" de protección do litoral "que perdure no tempo".
Segundo o conselleiro, a Xunta non pretende estabelecer "ningunha condición apriorística" e que "estamos abertos a todas as achegas que redunden nunha protección do litoral realista e efectiva". Así, salientou que no mes que leva o plan a exposición pública recibiu achegas de 48 dos 84 concellos afectados e dixo "esperar" que "aumente nos próximos días".
Con todo, asegurou que algúns dos concellos escolleron "o vieiro da confrontación". Tamén afirmou que malia os "erros" cometidos, o "punto de partida foi o que nos deixaron vostedes", en referencia ao PSdeG e ao BNG.
Teresa Táboas preguntouse por que non se tramitou o plan no Parlamento para que a oposición puidese presentar emendas, polo que cualificou a chamada ao diálogo de Hernández como "unha frase politicamente correcta e máis nada". Na mesma liña situouse Mar Barcón, do PSdeG, quen demandou un relatorio lexislativo "a vindeira semana" para mellorar o documento. Pola súa banda, Hernández asegurou que a "clave" está na comisión que revisará o plan no Cámara.
As voceiras da oposición criticaron aspectos do POL, pois, ao seu xuízo, constitúe un documento "pouco comprensíbel" con "erros topográficos e cromáticos" que suscitaron as queixas dos concellos. Mar Barcón dubidou que sexa un auténtico "plan de ordenación" e argumentou que non especifica que acontecerá co emprazamento das plantas acuícolas ou das instalacións eólicas. "Nin prohibe nin ordena", asegurou a voceira socialista, mentres que Táboas afirmou que a redacción do documento fixéraa un equipo con "escaso" coñecemento do país. "Ou iso ou fíxoo un infiltrado do bipartito, porque tanto erro ten que ser adrede", sentenciou.
Tanto Táboas como Barcón lembraron que en maio expira a ampliación da moratoria cautelar de construír a 500 metros da costa e preguntáronlle a Hernández que acontecerá se o texto non está listo para daquela. O conselleiro asegurou que non haberá "protección efectiva" da costa até que entre en vigor o POL, e que a moratoria é só "unha medida transitoria de criterio arbitrario", aínda que insistiu en que a Xunta aprobará antes do 15 de maio unha nova orde que paralizará a construción en determinados puntos "dentro ou fóra dos 500 metros" até a aprobación definitiva do POL.
Rexeitamento á Lei de Montes
O PPdeG botou abaixo a proposición de Lei de Montes impulsada polo BNG co argumento de que "chega tarde" e
anunciando que Medio Rural introducirá "cambios reais" no sector forestal do país, que supón o 50% do do Estado Español.
Os 'populares' argumentaron que o BNG debeu sacar adiante a proposta cando gobernaba. A promotora da proposición, Tereixa Paz, afirmou que a iniciativa presentada no Hórreo "é a do sector", porque foi "consensuada" cos colectivos implicados durante a pasada lexislatura, e que se non se aprobara antes fora porque o anterior conselleiro, Alfredo Suárez Canal, "primeiro tívolle que poñer freo á política forestal" anterior.
O PPdeG alegou que a proposta nacionalista supoñía "excesivo intervencionismo", mentres que Tereixa Paz criticou que o grupo de goberno queira "darlles máis competencias aos concellos" na ordenación dos montes, o que pode significar "poñerlles fronteiras aos montes, vostedes que non as queren".
Os principais grupos políticos teñen a convicción da necesidade dunha nova lei de función pública, malia que difiren na concreción. No medio, o PP pretende suprimir para os funcionarios a obrigatoriedade de coñecer o galego.