Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel González López

Galicia, mellor que España

11:00 10/07/2010

De pouco consolo lle vai valer o título deste artigo a unha persoa das moitas que están a sufrir o drama do desemprego nestes momentos no noso país. Tampouco queremos caer aquí en chauvinismo de ningún tipo senón que unicamente imos limitarnos a dar unhas pinceladas da evolución da nosa economía ao respecto da media española na década pasada.

A economía galega experimentou na última década un comportamento máis positivo que a media española. Así, se ben o crecemento anual medio do PIB entre o ano 2000 e o ano 2009 foi semellante en termos agregados (un 2,4% para Galicia e un 2,3% para España), en termos per capita produciuse unha clara converxencia con España debido ás fortes disparidades no crecemento da poboación entre ambos territorios. Deste xeito, se no 2000 o PIBpc galego se situaba no 77,7% da media española ao rematar o ano 2009 este era dun 87,4%.

Compre sinalar ademais que este proceso de converxencia se produciu fundamentalmente na segunda metade da década, entre os anos 2005 e 2009, onde o crecemento da economía galega foi superior á media española. Así, na primeira metade a converxencia foi unicamente pasiva, é dicir, debida ao inferior medre da poboación en Galicia.

O mellor comportamento da economía galega estendeuse tamén ao eido do emprego de tal forma que se no ano 2000 a taxa de paro galega estaba 1,2 puntos por riba da media española no último trimestre de 2009, xa en plena crise, en Galicia rexistrabamos unha taxa de paro 6 puntos por debaixo da media española (12,8 e 18,8%). Tamén no caso do emprego foi a segunda metade da década a que marcou as diferenzas actuais a favor de Galicia. Este mellor comportamento do mercado de traballo é ademais salientábel polo feito de producirse nun período de expansión, posto que historicamente o maior peso dos sectores primarios na nosa economía lastraba esa posibilidade. Así, estes sectores amosaban un comportamento anticíclico de forma que en épocas de expansión o emprego medraba menos en Galicia ao incrementarse a expulsión de man de obra dende estes ao os outros sectores.

Este factor diferencial está agora sen embargo moi achicado co que apenas se faría notar na última década e tampouco, cremos nós, serve para explicar porque a crise está a afectar menos no noso caso que na media española. As razóns habería que buscalas nunha menor exposición ao ladrillo no caso galego, factor que vén da man dun menor nivel de endebedamento de familias e empresas. Do mesmo xeito, a economía galega experimentou nos últimos anos un importante proceso de modernización do seu tecido produtivo o que, entre outros, se manifesta nunha capacidade exportadora externa claramente por riba da media española.

Por esas razóns, é previsíbel que no tempo que nos queda de vacas fracas –que semellar ir para longo- o proceso de converxencia de Galicia respecto a España siga avanzado. Isto  debería levarnos a reformular boa parte do discurso ao respecto desta cuestión. Cousa diferente é o peso efectivo de Galicia en España, que non depende unicamente das variábeis consideradas neste artigo. Mais iso é fariña doutro costal.

4.21/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel González

Nado en Outes (1975). Doutorouse en Economía Aplicada na USC logo de ampliar estudos na Universidade de Manchester e na Copenhagen Business School. Na actualidade é profesor no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. »



Anteriores...