Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Anxo Louzao

Pacto pola Educación: o ensino concertado sae gañando

13:14 06/05/2010

Desde a presentación das bases para o “Pacto social e político de Educación” até o texto definitivo que nos presentou o ministro de Educación, o día 22 de abril, a CIG percibiu que estabamos ante unha proposta que, dificilmente, poderiamos asumir porque diverxía do obxectivo de reforzar o ensino público, de descentralizar o sistema educativo, de dotalo de financiamento suficiente e de apreciar o traballo docente.

Todas elas cuestións imprescindíbeis para prever e reducir  o fracaso escolar, ampliar a escolaridade, favorecer a cohesión social e garantir a máxima calidade educativa posíbel a toda a cidadanía. Mais isto non foi óbice para achegarmos, nas diferentes reunións, as nosas valoracións e propostas que se concretizaron, ao final, en  oitenta e catro emendas que, de ser consideradas, estariamos ante un texto totalmente antagónico ao proposto. 

O Pacto foi concibido e desenvolto co fin de sumar o apoio do Partido Popular, renunciando así a calquera acordo fundamentado noutros postulados ideolóxicos e educativos tendentes a desmercantilizar a educación, reducir os concertos educativos e asumir o estado plurinacional e plurilingüístico. Así se explica que todo o coro de entidades ultraespañolistas do ámbito do ensino, afíns ideoloxicamente ao PP, defensoras de modelos educativos ultraliberais, non escamotearan eloxios ao Ministro polo seu empeño e polo resultado final do contido do Pacto. Ao final, estamos ante un pacto que o PP non asinará, por pura táctica electoral e política, e que, porén, plasma as súas propostas e o seu modelo educativo.

Os grandes beneficiados son, sen lugar a dúbidas, a patronal do ensino concertado coa creación da Mesa Sectorial do ensino concertado, da que formaran parte, que se transformará no marco adecuado para coaccionar, condicionar e  ampliar a privatización. O pacto comprométese a ampliar as contías dos módulos dos concertos educativos e dotar os centros concertados dos mesmos recursos e profesorado que teñen os  públicos. Por primeira vez, outórgaselle ao ensino privado concertado o mesmo estatus que ao público, socavando a potestade de ordenación do sistema educativo ás administracións educativas, favorecendo, aínda máis, a “liberdade de elección de centros” para unha maior mercantilización e control ideolóxico. Garánteselle unha maior autonomía para conformar proxectos educativos que, moitas veces, nin sequera observan os dereitos máis elementais. Todo isto financiado, na súa totalidade, co erario público para que os centros concertados continúen segregando o alumnado por razón de sexo, aproben idearios de centros retrógrados, carezan da mínima transparencia e funcionamento democrático e os titulares seleccionen o profesorado sen ningún tipo de proceso nin control público.

Sempre que se promove unha nova lei ou acordo estatal, procúrase minar o xa reducido teito competencial para afianzar máis aínda o centralismo, co fin de impedir que se ordene o sistema educativo galego en función da nosa realidade nacional, social, cultural e lingüística para conseguir os mellores resultados educativos e académicos posíbeis. Estamos ante unha proposta de acordo que uniformiza a política educativa para todo o Estado, participa da falacia do perigo que corre o español nas nacións e territorios que temos lingua propia, impide a nosa normalización lingüística, invade competencias educativas que estamos exercendo e pretende centralizar, aínda máis, as relacións laborais, reducindo o marco galego de negociación

Supostamente, a razón fundamental deste pacto era reducir a ampla taxa de fracaso escolar e de abandono prematuro do sistema educativo, moi superior á media do países da UE. A única medida, moi controvertida, para atallar, mais non solucionar, o fracaso escolar é a elección ao remate de 3º da ESO do itinerario que conduce ao Bacharelato ou á Formación Profesional. Onde están as medidas indiscutíbeis para reducir o fracaso escolar, mellorar a convivencia nos centros, atender a diversidade e progresar na calidade do ensino? Algunhas medidas, sendo imprescindíbeis, no aparecen recollidas: redución do número de alumnado por aula, desdobres, incorporación de educadores/as e mediadores/as sociais, reforzo da orientación escolar e ampliación dos cadros de persoal dos centros.

Mais unha vez, estamos ante un acordo sen financiamento. O único previsto, de incerto cumprimento, é o anuncio do Ministro dunha achega que suporía, aproximadamente, un gasto de 100 euros anuais por alumno/a. Hoxe, é inaceptábel, despois da carencias acumuladas de moitos anos, un acordo que non comporte o financiamento suficiente e o compromiso de adxudicar á educación o 7% do PIB.

Non deixa de ser unha farsa que as autoridades educativas repitan acotío a necesidade de promover un maior recoñecemento social da función docente, mais, á hora de verdade, no pacto non se estabelecen propostas que teñan en conta que hoxe son maiores os cometidos, a carga de traballo, dedicación e formación á que o profesorado ten que facer fronte. Cada vez máis, movémonos nun contorno menos estimulante, temos que enfrontarnos a unha sociedade máis complexa e realizar funcións que non nos son propias ou para as que non estamos debidamente formados. Faltan compromisos e propostas para unha maior preparación e formación no desenvolvemento psicolóxico do alumnado, na situación sociolingüística, nos cambios e diferentes enfoques tecnolóxicos e didácticos, nos comportamentos sociais e na conflitividade escolar. A falta de aprecio polo traballo docente e a súa real consideración amósase, claramente, por exemplo, en non admitir que o profesorado consolide o dereito indefinido a xubilarse anticipadamente, que vén gozando desde hai 20 anos, cuestión moi sentida polos docentes e que nin sequera se asegura a súa prórroga neste Pacto.
    
En definitiva, a CIG-Ensino non dará apoio a este pacto educativo (a data límite finalizaba hoxe, día seis de maio) porque non respecta a nosa realidade nacional e cultural, non responde ás necesidades educativas, non se sustenta na laicidade e non se asenta no fortalecemento inequívoco do ensino público. A nosa sinatura non formará parte dun pacto social e político que non beneficia nin a educación galega nin o seu profesorado.

4,93/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Anxo Louzao naceu na parroquia de Calvos (Touro). Cursou estudos de Maxisterio, logo licenciouse en Historia e acabou de profesor de Lingua e Literatura Galega. Mais a súa militancia sindical empeza ben cedo, en 1978 afíliase á Unión de Traballadores do Ensino de Galiza (UTEG). No seu momento participou activamente no nacemento da CIG-Ensino, da que é secretario nacional dende 2001. »



Anteriores...