Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Camilo Nogueira

Zascandileando por Europa

18:37 21/09/2009

(O texto apareceu dentro do apartado A Europa esperada no libro do autor Europa, O Continente pensado)

A acción internacional da UE constitui unha das claves para o mundo non ficar dominado por unha superpotencia política, económica e militar, nen por varias potencias definidas polo poder dos exércitos e a vontade de supremacía. Os valores que definen a Unión, ademais da experiencia histórica e a realidade social, levan á configuración dunha entidade allea a toda perspectiva belicista, que hoxe sería ademais contraditoria con un pensamento racional sobre os equilibrios políticos, económicos, sociais e os cada día máis determinantes da conservación da natureza e dos seus recursos do planeta.

A Unión Europea esperada resultaría incompatíbel co facto de un Estado membro poder tomar decisións no ámbito da Política Exterior e de Seguranza Común como a de declarar a guerra por si mesmo ou aliado a un Estado alleo sen a consulta e o acordo das instituicións comunitarias. Constituida a UE como potencia civil, a sociedade europea non podería aceitar, tampouco, decisións como a radicación no seu territorio de sistemas militares como as plataformas anti-míseis e os radares de alerta avanzada que pretende instalar EEUU de acordo con Estados membros da Unión como Polonia e a República Checa, supostamente contra ataques posíbeis de Iran ou de Corea do Norte. A pretensión norteamericana suporía unha grave e consciente inxerencia dunha potencia allea nos asuntos da Unión Europea, desprezando a súa condición política, tanto máis se a intención última é a da suposta proteción contra a Federación Rusa, e converten a Estados membros en obrigados de Estados Unidos, deturpando o significado da Unión.
 
Neste sentido, para calquer instituición ou persoa democrática e europeista tivo que resultar escandaloso que, antes e despois da reunión do G-8 en Alemaña, en vésperas do Consello Europeu de xuño de 2007, pendente de tomar unha decisión sobre o proxecto de Tratado Constitucional, e cando a UE negociaba coa Federación Rusa  un importante acordo enerxético, George Bush zascandileara por Europa non só coa intención de impedir o progreso das propostas concretas de redución da emisión de CO2 feitas por Angela Merkel como Presidenta en exercicio do G-8 (Alemaña, Canada, China, EEUU, Franza, Italia, Reino Unido e Rusia), senón tamén mantendo reunións sobre os sistemas nucleares a instalar en territorio da UE, sobre a OTAN e posibelmente sobre asuntos estritamente internos da Unión. A estancia do Presidente estadounidense, coa escenificación en territorio da UE da batalla estratéxica coa Federación Rusa -un posíbel asociado segundo determinación xa tomada pola Unión-, e a complacencia con que foi recebido nalgúns Estados membros da UE como Polonia, República Checa ou Bulgaria, e outros que pretenden aderirse, como Croacia, Albania ou Macedonia-, demonstrou a fraxilidade da solidariedade comunitaria en política de defesa e forneceu unha nítida imaxe do que pode ocorrer de triunfaren as posicións que entorpecen a construción da unidade europea. EEUU e os Estados anfitrións conseguiron que o territorio da Unión fose de novo o teatro absurdo da dialéctica entre aquel Estado e Rusia. Sería imposíbel que unha escenificación semellante se producise en territorio estadounidense.
En todo o caso, a Unión Europea como potencia civil resulta contraditoria con que un Estado membro posa tomar decisións como as que se negociaron cos Estados Unidos sen producirse unha reacción determinante das instituicións comunitarias.

O problema dos míseis, como as actitudes durante a Conferencia Intergovernamental de xuño de 2007 que tentaba resolver a crise do proceso de ratificación do proxecto de Constituición, revelaban o retraso dalgúns Governos estatais na aceitación dos obxectivos e dos valores da Unión e  na compreensión do que está en xogo para as nacións e Estados europeus, para a mesma UE e para o mundo. Os que desexan dividila ou diluila non parecen ser conscientes de que están a xogar con fogo. Tony Judt descrebe esta situación de forma particularmente directa: “Algúns dos novos Estados membros da UE queren o mellor dos dous mundos: unha economía de baixa fiscalidade, ao estilo norteamericano, sustentada sen embargo con subsididos dos ineptos contribuintes europeus. Os polacos e os checos aceitan fundos de solidariedade de Bruxelas maís tamén o sistema de míseis de EEUU, sen consultar cos seus socios europeus. Nada máis ingresar Romenia na UE reclamou un eixo estratéxico Washington-Londres-Bucarest ao tempo que se apresuraba a solicitar transferencias de diñeiro a Bruxelas. Cando Chirac dixo aos europeus do Leste que perderan unha boa oportundidade para calar, a súa brusquedade molestou a muita xente e non axudou á populariade de Franza: mais tiña razón”. “En mans dunha nova xeración de políticos que procuran vantaxes locais e son indiferentes ao pasado, Europa podería desfacerse a toda velocidade”.

3.85/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004. »



Anteriores...