Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Camilo Nogueira

Crise e sociedade

20:05 08/09/2009

A crise económica particular
No Estado español non parece haber interese en pór en evidencia que na crise económica que se padece o que debe preocupar non é tanto a chamada crise financeira global como a particular.

Expresada como recesión e incremento do desemprego (outra cousa máis profunda é a posta en causa do  neoliberalismo que revela) a crise global, por muito que non podan retornar os comportamentos financeiros criminais que serviron de espoleta, acabará superándose, ainda que se necesite un tempo. Mais a española é diferente. Inclui un desemprego de 18%, duplicando a media da Unión Europea e o de EEUU e sendo tres veces superior aos de Xapón e de certos Estados da UE. E afecta a catro millóns de traballadores, muitos deles imigrantes, entre os que polo menos a metade (perdidos en grande medida na construcción) son irrecuperábeis. 

A atención política estatal, dedicada a albiscar e espallar síntomas de recuperación que van aparecendo nas grandes economías europeas, estadounidenses ou chinesas, agocha este problema proprio. Nen se prepara a opinión pública sobre a gravidade da crise específica, nen se toman medidas para resolver en anos e anos o drama dos dous millóns de parados suplementarios, muitos deles inmigrantes, que non poden voltar a seu antigo posto de traballo. Para a economía española contar cun nível de emprego inferior ao 9% como o dos demais Estados da UE será preciso criar novas actividades produtivas e millóns de empregos dun nível cultural e tecnolóxico superior. O esforzo terá que ser imenso. Entretanto as contas públicas sofrerán muito.  Ainda que a  sociedade galega pode estar entre as menos afectadas do Estado é preciso prepararse para padecer a crise e superala.  

A sociedade civil galega

    Cando se compara para mal a Galiza con outros paises como Cataluña utilizánse habitualmente argumentos esencialistas, sen reparar no marco histórico en que se producíu o desenvolvimento económico e cultural de ambas sociedades.  Desde un ponto de vista determinista,  frente á fortaleza da sociedade civil catalá adúcese a debilidade da galega. Non se fai caso das diferentes circunstancias da integración política no Estado español e tampouco da realidade actual de Galiza. Ven isto a conto de dúas noticias aparecidas estes días nun xornal galego. A científica Marisol Soengas, traballando en Madrid no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas depois de estudar na Coruña e de investigar durante once anos en EEUU, sendo recoñecida internacionalmente, desenvolveu co seu equipo un composto destinada a sanar o melanoma, un cancro de pel. María Jesús Sobrido, responsábel do grupo de neuroxenética da Fundación Galega de Medicina Xenómica encontrou tres novos xenes implicados na aparición do alzhéimer. Praticamente non hai día que non se nos descubran experiencias deste teor. Ambas poñen a cara da nova realidade da sociedade civil galega, que se estende nos mundos científico, económico, social e cultural, sen que iso teña de momento o reflexo preciso no espazo político, nen posa realizarse plenamente no noso territorio. Mostran unha realidade vizosa, protagonizada en grande medida por fillos das clases populares.
Galiza ten problemas como todos os paises. Mais os principais obstáculos para resolver non están na sociedade civil, senón na política institucional, ocupada ainda por xente que respira en función de proxectos e de conceicións afortunadamente superados.

Sobre o Estatuto

 Andan os dirixentes dos partidos españois en Galiza mui preocupados polo resultado do recurso apresentado polo PP no Tribunal Constitucional contra o Estatuto de Cataluña. Desasoségaos máis que acorde a constitucionalidade do texto que a resolución contraria. Se o Tribunal non se manifesta en contra de incluir no Preámbulo a decisión do Parlamento catalán declarando a Cataluña como unha nación, no camiño aberto cara o autogoverno na Segunda República e recoñecido no artigo 151 da Constituición -tamén para Galiza-, e se non rexeita a cláusula que se refere á obrigatoriedade do coñecimento da lengua catalá -incluida inicialmente na Lei de Normalización Lingüística do Parlamento de Galiza no ano 1983- os dirixentes do PP e do PSOE ficarían cos argumentos ao recacho. Xa non terían disculpa para negar a Galiza como nación. Entretanto sería bó que os dirixentes do BNG deixaran de banalizar esta grave cuestión falando de estar en primeira división.

4.52/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004. »



Anteriores...