Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Camilo Nogueira

Desleigados

12:00 12/08/2009

Non é fácil razoar sobre a lingua galega cando un contempla a espantosa alegría do Presidente de Galiza proclamando que a maioría dos pais non quere o Decreto que regula a presenza do galego e do castelán no sistema educativo. Cando se ve como, exultante, afirma que ante a escolla entre un ensino só en galego ou só en castelán a maioría preferiría esta última língua. Constitui un escándalo que un Presidente galego se embriague con esa interpretación dos resultados dunha sondaxe chea de elementos escuros, fraudulentos e ilícitos, como se a súa función fose a de asegurar o presente e o futuro dunha língua como o castelán que xa ten un Estado proprio e non necesita para nada do apoio do Governo galego, en lugar de normalizar o uso do galego, valéndose dos instrumentos ainda cativos que fornecen o Estatuto de Autonomía e a Constituición de 1978, depois de cinco centos anos de absoluta marxinación.

Desleigados e involucionistas, o Presidente e todos os que o acompañan nesta aventura ruín, constitúense en maquinas de guerra ao servizo dos que entenden a lingua oficial do Estado como arma contra a lingua galega, nun exercicio secular de despotismo e de incultura que culminou na Ditadura franquista.

Non van conseguir os seus propósitos. Van triunfar os que saben que cada língua abre horizontes para aprender as demais e que non hai maior empobrecimento cultural que a negación da lingua propria.

Neste camiño constitui unha senrazón dar por verdadeiros os dados e os argumentos sobre estado do galego utilizados polos que teñen o propósito de impedir a súa normalización como língua nacional. Neste caso, sen insistir nos aspectos fraudulentos da mesma, é preciso ter en conta que a participación da consulta non chegou máis que a 58,7% dos pais. Que a resposta foi muito menor nos centros do ensino público que nos privados e concertados, sendo urxente e inecusábel que se fagan públicos os resultados pormenorizados. E preciso ter en conta que apesar da intención expresa dos que hoxe governan de favorecer o ensino en castelán negando ao galego como lingua propria, as respostas que contemplan o uso da nosa língua, sumando o uso conxunto de galego e castelán e o uso do galego en exclusiva ou maioritariamente, chegan a 61,9% (1) en infantil; 44,9% (2) en primaria; 51,1% (3) en secundaria; e 77,1% (4) en formación profisional. Non se debe esquecer, ademais, que hoube pais que lle deron preferencia á demonstración do carácter fraudulento da consulta, optando como protesta pola abstención ou voto nulo. 

Indo para alén. Frente aos negan o galego, pretendendo arrincoalo nun gueto subordinado, os que defendemos o seu inequívoco carácter histórico e presente como língua propria e nacional temos que facer unha lectura axeitada da situación do seu uso. Comezando por saber que non é pior senón mellor que a existente cando nos anos sesenta e setenta se producíu a emerxencia do movimento nacional galego depois da desgracia tráxica da guerra e da posguerra. En circunstancias especialmente negativas, cando Galiza non ten un Estado de seu, nen o Estado español recoñece a lingua galega como oficial en todo o seu ámbito, nen as instituicións autonómicas axen a respeito da língua coa responsabilidade dunha instituición de carácter estatal, contra o querido polos que tiveron a idea represiva da consulta o mesmo resultado da sondaxe evidencia a extraordinaria vitalidade e o incremento da consciencia política e cultural da lingua propria. Unha vitalidade que se mantén depois de que nas últimas décadas a sociedade galega sofrera unha mudanza radical, pasando o mundo rural de contar coa esmagadora maioría da xente a integrar apenas a decima parte.

Depois de ser a lingua do reino galego e de permanecer durante séculos como a lingua do povo sobre a base material da rica cultura agraria e mariñeira, a mudanza da sociedade, devindo en outra urbana e tendo dominado nas cidades a língua oficial do Estado, pudo ser mortal para a língua galega; hai exemplos disto noutros paises europeus. Mais non foi así. Segue sendo a máis falada polo povo e ainda que retrocedeu no número absoluto de falantes monolingües avanzou substancialmente en  ámbitos administrativos, económicos, sociais, educativos ou culturais dos que fora expulsada. Medrou mesmo a consciencia do carácter intercontinental e universal do galego, para alén do Estado español. Malia todas as agresións, agora abandeiradas tristemente por quen disfruta da alta responsabilidade do Governo de Galiza, a realidade presente permite anunciar outro futuro. Con governantes de lei.


NOTAS:
1) (53,2% e 8,7%)
2) (26,6% e 18,3%)

3) (23,6% e 27,5%)
4) (52,0% e 25,1%)

4.68/5 (41 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004. »



Anteriores...