Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Da obviedade á encrucillada

10:47 14/05/2009

A terceira forza de Galicia pechou a Asemblea. Como aseguraban os vaticinios, gañou quen nunca perde. Algúns laian de que non se articulase unha alternativa expresamente socialdemócrata; outros, da enésima renuncia a un espazo político que os primeiros dan por liquidado.

Lembremos a historia. Tras a II Restauración a Unión do Pobo Galego vai demoucando o que considera taras indesexables pola esquerda e renuncia ao independentismo. Organizándose como frente, do tronco medran as ponlas sindicais, as asociativas e unha sigla para as eleccións: BNG. O proceso de Riazor é eloxiado pola prensa española; á fin, aseguran, o nacionalismo galego superaba os vicios da clandestinidade. Con Xosé Manuel Beiras veu un relativo éxito nas urnas, aínda que PP ou PSOE controlaban as institucións.

Maquillado polo cogoberno en moitos concellos, o espellismo da hexemonía electoral rematou en crise coa defenestración de Beiras. A UPG repintou o barco, procurou outro xefe de cuberta e amarrou ben a estrutura (CIG, Mesa, ADEGA, etc.) que acabaría por sentala en San Caetano. A cítara do poder autonómico arpexia doce coma unha serea. Mais xa o advertiu Murphy: cando algo pode ir mal, irá mal.
Miles de votos insatisfeitos pola dereita e pola esquerda evidenciaron a fractura no interior do Bloque. As siglas e ideoloxías que serviran como recheo táctico reclamaron o seu protagonismo. Foi un lóstrego. O domingo a UPG repetiu, mudando personaxes, a escena que Beiras experimentara dolorosamente: Quintana di adeus, aplausos, érguese o pano. Falan Aymerich e Vázquez ata que saia do trinque o próximo sorriso para optar á presidencia da Xunta.

Nada mudou? Case. O 45% do BNG ha saltar do reproche ideolóxico á acción organizativa. Con certo retraso sobre as estrataxemas posmodernas, fundarán ese partido de vocación empresarial e progresista para administrar o noso país nos límites establecidos pola Constitución. Máis BNG esixe coherencia entre o discurso e a práctica, entre o partido-guía e a plataforma electoral. Pero a Asemblea refrendou o líder Francisco Rodríguez, aínda que vencer na derrota semelle un feble patrimonio.

A credibilidade das voces verdadeiramente rebeldes será proporcional á valentía con que asuman a reconstrución da esquerda: esgotáronse as invocacións ao proxecto común. A quen actúa dando a entender que a emerxencia dun Estado galego ou o compromiso internacionalista son reliquias paralizantes debería estrañarlle ben pouco que as maiorías apoien nas urnas unha vez e outra os partidos que prometen soltar toda esa pesada carga. Ao fin, é o proceder histórico da UPG. Na Asemblea de 2010 o sector posibilista do BNG pode perfeccionalo.

4,14/5 (29 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións