Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Tácticas

11:00 08/04/2009

A ultradereita (eles chámanse liberais) trazou en Compostela unha intelixente ruta para reivindicar a imposición do castelán. Habería que preguntarse polas razóns dun éxito que logran menos de tres mil provocadores. Non o facilitou unicamente a resposta voluntarista que –co concurso da brutalidade policial- converteu a pobre marcha en acontemento, senón unha defensa do idioma que arrastra tácticas moi previsibles. Cómpre sometelas a revisión.

Seguimos invocando verdades (a desaparición do idioma o é) como se a súa simple mención conlevase poder taumatúrxico. Mentres, eles -precisamente o agresor- interpretan un papel garantista da liberdade. Que a lingua se perde? Non é que lles dea igual: traballan exactamente para iso. Os rituais de resposta a tal discurso suxiren incapacidade para derrotalo no seu propio terreo.

Se o soberanismo instrumentaliza o idioma (o mesmo que usan xentes do PP, da UGT, da Sociedade de Canaricultura e do Chapela C.F.) as imprescindibles manifestacións corren o risco de se destinaren ao autoconsumo. Convocar multitudes en abstracto, sen ter na man os detalles da lexislación que prepara a Xunta, reduce de partida o universo de posibles aliados a un corpo social cuxo argumentario e métodos de protesta se antecipan doadamente. Para ben e para mal, nunca fallan.

A lingua galega é unha ferramenta colectiva que se compón de miles de pequenos relatos. Escaso futuro queda á marxe do nacionalismo e das súas organizacións dependentes, mais chegou a hora de mostrar que son os dereitos de cada unha das persoas –tamén as que falan castelán e asumen a cooficialidade- os que están sendo atropelados. E pouco se asemella a experiencia da neofalante ridiculizada na aula polos seus compañeiros á do rapaz que chaman gañán nunha rúa luguesa.

Precisamos os nomes, os lugares, as caras, a crónica e a dimensión emocional de cada conflito lingüístico, porque son miles de minutos de rabia e de impotencia, non só unha comunidade nacional en perigo de extinción. Precisamos que o alumnado dos centros de ensino medio con maioría galegofalante se organice á marxe de sigla ningunha para dicir alto e claro que está aí e que quere as clases no seu idioma. Tamén son as persoas sen mediación política ou social organizada as que deben colapsar os tribunais. Hai unha vida cotiá da agresión lingüística que pode e debe ser visibilizada.

Nese camiño civil, por forza apartidario, poden esperar apoios sorprendentes. A axitacion de pendóns e glorias esenciais é patrimonio dunha ideoloxía cuxo sistema nervioso coñecemos ben. E temos a vantaxe de que nos despreza.

4,3/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións