Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Catarse (I) o PP

10:12 05/03/2009

Catarse: v.t. Apercibirse de algo que se pasaba por alto; decatarse, notar, observar. s.f.. Teoría psicanalítica que busca a desaparición dos síntomas que perturban o equilibrio interior da persoa mediante a exteriorización verbal, dramática e emocional daqueles fenómenos qu provocaron a represión. p.ext. Purificación.

Nada será igual despois desta derrota. O PP e os seus cen mil militantes galegos tampouco. Tras o ascenso urbano, xa visible nas municipais, hai outra fórmula de perpetuación e seguirán agrandando a ferida coa avidez daquel chupasangue que parodiara Castelao.

Do modelo fraguiano de equilibrios case nada queda. Os augures calculaban, cunha énfase próxima á superstición, o desartellamento interno da forza reaccionaria cando se ameazasen as baronías. Fallaron; e non só aí, senón sobre todo na avaliación de por que se vota PP no rural. En Lugo o BNG e/ou o PSOE tiñan control absoluto de vilas e cidade –e varios dos pequenos núcleos-, da Deputación, da Xunta e do Estado. Cacharro Pardo quedou na súa casa, non houbo carrexo de votos. Gañou o PP.

Isto significa que o voto non está condicionado por redes clientelares, nin fisicamente secuestrado. Poñer fin a ese discurso (sostivémolo moitos) é romper cunha parte da historia do galeguismo e dun nacionalismo moderno que, en canto ferramenta de análise, apampa querendo reducir todas as contradicións ao substrato colonial. Coa discreta vitoria de Baltar despídese o derradeiro cacique do XX.

As novas xeracións urbanas empezan a votar PP. Cómpre desentrañar as razóns da viraxe; na realidade cómprenos agora desentrañalo todo e diagnosticar a situación correctamente, sen mortificarnos e sen esquecer a tremenda responsabilidade xa non dunha xestión neoliberal, senón da viraxe ideolóxica que, querendo transformar o nacionalismo de clase nun centro-esquerda catch-all (ao final cath-nothing), desconectouse das necesidades máis inmediatas da xente nova.

A campaña de Feixó foi brillante, o que en termos políticos quere dicir eficaz. Acusalo de atacar con armas sucias –parece mentira tanta inxenuidade, despois de padecermos quince anos de Manuel Fraga- é como acusar aos elefantes de sobrepeso. Non foi a campaña dun partido: ao que asistimos foi ao contraataque sinfónico da alta burguesía urbana, con La Voz de Galicia de timonel. Os seus múltiples resortes chegaron ben engraxados ás eleccións. Da irresponsabilidade do PSOE ao permitilo falamos na próxima entrega.

4,66/5 (41 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións