Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OUTEIRO DE REI

Os traballadores de Pascual mobilízanse ante a pasividade da Xunta

Aseguran que o Goberno dispón de varios proxectos para retomar o traballo na factoría, mais que non se decide por ningún.

Redacción - 18:25 26/10/2009
Os traballadores de Pascual volverán manifestarse o vindeiro mércores en Compostela

Os traballadores de Pascual volverán manifestarse o vindeiro mércores en Compostela

Seis meses van cumprirse xa dende que o grupo Leche Pascual presentara un ERE temporal que afectou aos 155 empregados que a empresa tiña traballando na factoría de Outeiro de Rei. E a día de hoxe, logo de diferentes negociacións, os traballadores aínda non teñen un futuro ao que aferrarse. Contra esta situación manifestáronse este luns en Lugo, cun corte de tráfico e unha concentración. Unhas 300 persoas concentráronse ante o edificio administrativo da Xunta e logo interromperon o tráfico na Ronda da Muralla en demanda dunha solución e exixindo á Xunta que se decida por algunha das opcións de compra que están sobre a mesa.

"Hai varios proxectos que permitirían retomar o traballo na factoría", di Alberto Xullo Rodríguez Feixoo, avogado dos traballadores, "mais a día de hoxe non se está a dar ningún paso a prol de ningún deles". O vindeiro catro de decembro conclúe o período temporal polo que é aplicábel o ERE e o cadro de persoal non entenden que aínda non fosen recibidos en San Caetano: "solicitamos unha xuntanza o pasado xuño e aínda non recibimos unha resposta".

Rodríguez Feixoo subliñou que "existen firmas interesadas na recuperación da factoría" e acusou á Xunta de "impedir que algunha desas iniciativas saia adiante". Ademais, adiantou que "ninguén se atreve a dar o paso até contar co respaldo e apoio administrativo do Goberno" e lamentou a falta de avances: "dá a impresión de que a Xunta non ten interese ningún en que este conflito teña unha resolución positiva".

Para Juárez, a proposta das cooperativas aínda non é viábel
Pola súa parte, o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, adiantou que o proxecto formulado polas cooperativas para envasar o leite na planta de Outeiro de Rei só será viábel "se se resolven as cuestións pendentes do plan de negocio e financiamento".

Insistiu en que a proposta remitida ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) revelaba a ausencia de "moitos detalles relevantes" para garantir esa rendibilidade. "Sería interesante que un grupo de cooperativas puidese facerse con esta planta sempre e cando o proxecto teña posibilidades razoábeis de que poida funcionar no mercado", dixo. Doutra banda, o máximo responsábel de Medio Rural asegurou que non mantivo "ningún contacto" co grupo Nueva Rumasa, nin sobre unha posíbel compra da planta "nin para outra cousa".


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: