Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO MORRAZO, RENDONDELA OU O SALNÉS

Tradición furancheira en pé de guerra

Os propietarios dos locais para a venda do viño excedente rebélanse contra a nova Lei de Turismo e presentan as súas alegacións.

Redacción - 11:41 19/07/2010

“A Xunta non pode botar abaixo catrocentos anos dunha tradición”. Así fala o presidente da Federación de Asociacións de Furancheiros de Pontevedra, Xosé Luis Videira, quen expón unha opinión que comparten tamén bodegueiros de Redondela, o Salnés ou o Morrazo. As cuncas de viño ao chamado dunha ponla de loureiro na porta teñen os seus días contados se non prosperan as alegacións contra a nova Lei de Turismo que veñen de presentar os furancheiros.

Competencia desleal?
A nova norma impulsada pola Consellaría de Cultura e Turismo supón un reforma que modifica, á súa vez, a lexislación ao respecto que aprobara o bipartito. Se daquelas o consenso permitiu aos furancheiros manter a súa actividade sempre que estivesen regularizados, agora a normativa derroga a figura de furancho como empresa de restauración, atendendo ás denuncias de moitos hostaleiros que nos últimos anos viron como medraban algúns destes locais para converterse en verdadeiros estabelecementos que máis que á venda do viño excedente adicábanse ao negocio da hostalaría ofrecendo unha competencia desleal.

Así as cousas, os propietarios dos furanchos, uns 700 na zona das Rías Baixas, xa adiantan que non están dispostos a asumir esta normativa que os empurra á ilegalidade, máis cando moitos deles fixeron un grande esforzo para adaptarse á lei do anterior Goberno. Veñen de presentar as súas alegacións nas que exixen á Xunta que “dea marcha atrás para salvar unha tradición”. Piden que, no caso de seguir adiante na decisión de eliminar os furanchos como estabelecementos hostaleiros, se habilite unha normativa especial na que se sintan representados.

“Están a apoiar un sector mentres esquecen o outro”, di Videira, “con estas normas están obrigándonos a pechar”. Nesa liña, apuntan a posibilidade de que sexan os concellos quen regulen estes estabelecementos, se ben atendendo a unha uniformidade ditada pola propia Xunta. “Nós non somos restaurantes nin tampouco queremos selo”, di, “o que queremos é poder vender viño con algo para acompañar para que non faga mal”.

A Xunta decide
Pola súa parte, diferentes asociacións de empresarios como a Federación de Comerciantes do Morrazo (FECIMO) xa se manifestaron en diferentes ocasións a favor da medida. Explican que ao abeiro desta fórmula, moitas persoas montaron “verdadeiros negocios de hostalería, con total impunidade” e subliñan que é precisa unha regulación. Entenden que agora é o momento de que os furancheiros elixan: “continuar a ser furanchos mais cumprindo a normativa, transformarse en restaurantes ou pechar”. Coas alegacións xa presentadas, será agora a consellaría de Cultura e Turismo a que teña que decidir en que termos modificará a lei e se lle dará cobertura ou non aos furanchos.


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: