Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OUTEIRO DE REI

A oferta de Pascual: un ERE temporal sobre un terzo dos empregados

Nueva Rumasa confirmou que está xa negociando a compra da planta, e que os traballadores non son un problema.

Redacción - 10:10 05/06/2009
Nueva Rumasa está a negociar a compra da planta de Pascual

Nueva Rumasa está a negociar a compra da planta de Pascual

Xa se desvelaron algúns datos sobre a oferta que a compañía de Leite Pascual puxo sobre a mesa aos representantes dos traballadores na última xuntanza. O grupo lácteo ofreceu, como alternativa ao despedimento dos 155 traballadores, a aplicación dun expediente de regulación de emprego (ERE) temporal, durante catro meses, sobre un terzo dos empregados, é dicir, sobre 51 deles. Ao tempo, o resto do cadro de persoal finalizaría o seu contrato con "abandonos voluntarios ou despedimentos".

A vindeira reunión celebrarase o próximo venres 12. Será entón cando se pronuncien os traballadores, logo de diferentes xuntanzas nas que están a analizar e estudar a proposta, aínda que todo apunta a que presentarán unha contraoferta. Con todo, quedan por concretar cuestións da proposta que agora está sobre a mesa, como a canto ascenderían as indemnizacións previstas para a finalización dos contratos. Así as cousas, os traballadores valoraron positivamente este paso adiante xa que, polo menos, "é un punto de partida".

Nueva Rumasa, interesada
Doutra banda, xa hai un interese confirmado sobre a planta de Outeiro de Rei (Lugo). A dirección da empresa madrileña Nueva Rumasa púxose en contacto co avogado que representa os traballadores, Alberte Xullo Rodríguez Feixoo, para informalo de que o grupo mantén negociacións con Leite Pascual. As negociacións están en marcha, se ben hai discrepancias no referente á valoración económica da factoría e, segundo lle confirmaron, os traballadores non son problema ningún para chegar a un acordo económico.

O comité de empresa considerou que esta operación comercial "favorecería os traballadores", e reitera que a factoría de Outeiro de Rei é viábel e dá beneficios, denunciando que non é máis que unha operación para encubrir a venda da fábrica por motivos estratéxicos.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: