Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CARME FREIRE, SINDICATO LABREGO GALEGO

"Apostamos pola unión para pararlle os pés á industria"

O SLG fai un chamamento ao consenso sindical para denunciar a situación do sector lácteo, cuns prezos á baixa e cunha produción que descende por vez primeira.

Isabel G. Couso - 18:10 05/03/2009

Reivindicacións conxuntas para un sector que ten problemas comúns. Ese é o chamamento que fai a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Carme Freire, ante un cada vez máis atomizado mundo gandeiro. A desunión quedou plasmada no pasado novembro cando Santiago de Compostela acolleu concentracións nas que as principais centrais sindicais se manifestaron por separado, dunha banda Unións Agrarias (UUAA) e Xóvenes Agricultores (XXAA) e da outra o SLG. A isto hai que engadirlle a aparición en escena nos últimos tempos doutras novas organizacións, como a Federación de Produtores Lácteos (Feplac), ou a máis recente Gandeiros Unidos. Ante esta situación, Freire pide "traballo e mobilizacións conxuntas para garantir uns prezos mínimos para o leite".

Por primeira vez na historia, baixa a produción
A situación do sector é "insostíbel", "máis que grave". Estes son os cualificativos que emprega Lupe Prado, responsábel do eido lácteo no SLG. Cun panorama no que a industria está deixando de recoller o leite en moitas explotacións, no que a entrada de produto foráneo está a facerlle competencia ao galego e no que os custes aumentan a un ritmo de vertixe, por vez primeira a produción galega está a descender. Malia que non haberá datos concretos até o remate da campaña, Prado asegura que a tendencia deste ano é á baixa.

E, unha vez máis, o grande problema que teñen que afrontar as explotacións é o prezo ao que se ven na obriga de vender o leite. Segundo as estatísticas, o custe de produción dun litro ascende a 37 céntimos (última referencia publicada, correspondente a 2007). Mentres, o prezo medio polo que se está a vender actualmente ese litro de leite ascende a 29 céntimos. É dicir, en cada litro, os gandeiros, en troques de gañar, perden oito céntimos. Aínda máis, neste último mes de febreiro, a cotización media descendeu de media entre dous e tres céntimos. Isto sucede nunha conxuntura na que os gandeiros se queixan de ter que afrontar subas no pago de abonos, pensos e outras materias de primeiras necesidade para a produción láctea.

Críticas á xestión de Medio Rural
Este chamamento á unión faise no contexto dun futuro cambio de goberno, mais Carme Freire insiste en que as exixencias de cara á nova lexislatura terán que agardar a que a nova equipa tome posesión. Con todo, xa adiantou que solicitará unha xuntanza coa persoa que asuma a responsabilidade de xestionar o agro galego.

Con respecto ao goberno que deixa o poder, o Sindicato Labrego Galego volveu a ser moi crítico, fundamentalmente en relación cos contratos homologados. Carme Freire recordou que a organización que lidera sempre exixiu a Medio Rural a fixación dun prezo mínimo para a primeira venda de leite, aspecto que non foi apoiado polos demais sindicatos e que foi cualificado por Alfredo Suárez Canal como "ilegal". "Tiñamos razón", di agora Freire, "o único que se conseguiu foi amedrentar aos propietarios das explotacións, que se viron na obriga de asinar estes contratos, malia non ser ningunha garantía para eles".

Neste sentido lembrou que a finais de outubro foi aprobada no Parlamento (votaron a favor BNG e PSdeG) unha iniciativa que instaba ao goberno do Estado a que aprobase unha norma que permitise unha fixación de prezos que cubrise os custos de produción e a fixación dunhas marxes máximas para a distribución que non foran abusivas. Freire informou de que en novembro o Parlamento español aprobou esta normativa: "estamos diante dun avance moi importante que nos permitirá garantir uns prezos dignos para o leite, mais non vimos que ninguén se fixese eco desta noticia tan importante", dixo, "demostrouse que, unha vez máis, tiñamos razón e que non era tal ilegalidade estabelecer un prezo mínimo". Neste sentido, Freire asegurou que esta será a primeira demanda que lle achegará ao novo goberno: "que se poña a traballar para cumprir con ese mandato", dixo, "para poder revitalizar un sector que está en perigo e para parar a unha industria que nos está machacando".


Ligazóns

5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O SLG critica a Medio Rural pola súa xestión no referente aos contratos homologados (Imaxe: concentración de novembro)
O SLG critica a Medio Rural pola súa xestión no referente aos contratos homologados (Imaxe: concentración de novembro)
A secretaria xeral do SLG pide unidade entre os diferentes colectivos que defenden o sector leiteiro
A secretaria xeral do SLG pide unidade entre os diferentes colectivos que defenden o sector leiteiro