Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Construída nun espazo da Rede Natura

A piscifactoría de Pescanova en Mira funcionará ao 100% dende xaneiro

Está previsto que Manuel Fraga e representantes do goberno español asistan á inauguración da planta, en Portugal, que aínda ten dous recursos nos xulgados.

F. Arrizado - 18:30 26/11/2008
Sócrates e Fernández de Sousa, en outubro de 2007

Sócrates e Fernández de Sousa, en outubro de 2007

O ex presidente da Xunta Manuel Fraga Iribarne, así como representantes do goberno español poderían estar presentes na inauguración oficial da polémica planta de Pescanova en Mira (Portugal), prevista para febreiro.

Segundo publica o Diário de Coimbra, o grupo de Manuel Fernández de Sousa -amigo persoal de Fraga- convidou ademais o presidente da Comisión Europea, José Manuel Durão Barroso, e aceptou o convite. O primeiro ministro, José Socrates, e outros membros do Executivo portugués, tamén estarán presentes.

Pouco antes desa data, a principios de ano, agárdase que a piscifactoría que xestiona a filial de Pescanova, Acuinova, funcione xa ao 100% -na actualidade produce diariamente, en fase de proba, dous mil exemplares de rodaballos e outros peixes planos, que han ser 30 mil en 2009.

Técnicos do grupo galego traballan nestes momentos na planta formando futuros traballadores. As instalacións, situadas a 200 metros da costa, no sitio da Rede Natura 2000 Dunas de Mira, Gândara e Gafanhas, contan cun investimento de 140 millóns de euros, case un terzo financiados por Portugal con fondos da UE.

Projeto de Interese Nacional

O Estado portugués considera este proxecto como prioritario. Ao carón da factoría planeouse a construción de varios aldeamentos turísticos, tamén en zonas protexidas pola Rede Natura, baixo o amparo da figura de PIN (Projeto de Interese Nacional), situación que lle permitiría esquivar a lexislación comunitaria e portuguesa de protección ambiental en caso de prosperar unha demanda.

Non fixo falla. Na liña do Executivo actuou tamén a Xustiza. O pasado mes de maio, o Tribunal Administrativo e Fiscal de Coimbra considerou "improcedentes" as peticións de anulación da Declaración de Impacto Ambiental do proxecto presentadas pola asociación ecoloxista Quercus.

António Campos, presidente da delegación de Coimbra/Viseu, consultado por este xornal, confirma que aínda manteñen dous recursos a nivel urbanístico. "O dano xa esta feito. Agora temos a esperanza de que unha decisión xudicial favorábel sente precedente para proxectos futuros", sinala, e critica o apoio gobernamental ao proxecto, mesmo a nivel monetario.

Confianza dos bancos no proxecto

Precisamente, o xornal económico español Expansión publicaba este domingo unhas declaracións de Fernández de Sousa ao respecto da crise financeira nas que sinalaba que aínda que "a falta de liquidez é un problema xeral para as empresas", os plans estratéxicos da compañía non se viron afectados. En concreto, di, a débeda para a instalación de Mira "colocámola sen dificultade entre os bancos".

Porén, a nivel bolsista, a empresa non está a obter bos resultados: no que vai de ano leva retrocedido un 35%. O presidente de Pescanova é o primeiro accionista do grupo cun 24,156% do capital total.


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: