Alertan de que o executivo prima a inversión en medios de extinción sobre a propia prevención e exixen unha mellor planificación e xestión forestal.
A extinción dos incendios é máis rendíbel en termos de publicidade que a propia prevención. Esta é a causa que segundo Ecoloxistas en Acción explica que as administracións, entre as que nomea a Xunta de Galiza, primen a inversión nos medios de extinción en detrimento dunha planificación seria que parta da xestión forestal e da realización de repoboacións ou plantacións con especies que favorecen a propagación do lume.
Nun informe que titulan Luces e sombras da loita contra os incendios forestais, os ecoloxistas analizan a política forestal posta en marcha polo goberno español e o das comunidades autónomas nos últimos dez anos. Segundo os seus datos, Galiza segue a encabezar as estatísticas de incendios forestais na última década, se atendemos á superficie afectada e ao número de incendios, coa excepción dos anos 2003 e 2005, que coincidiron con dous grandes incendios no Estado Español (en Estremadura e Andalucía). En Galiza quéimase, ano tras ano, aproximadamente o 50% da superficie total que arde en todo o Estado e rexistra o 40% de todos os lumes.
A extinción vende máis
Con todo, segundo explicou o coordinador das campañas contra incendios do colectivo, Theo Oberhubert, a política da Xunta de Galiza non atende a prevención. Segundo informou, os pasos dados polo Goberno de Alberto Núñez Feijoo van precisamente na dirección contraria: “a extinción vende máis ante a opinión pública que a prevención”, dixo ao tempo que subliñou que unha planificación forestal responsábel sería moito máis decisiva á hora de combater a vaga de lumes que cada verán arrasa os nosos montes.
Ademais das altas temperaturas e da falta de xestión forestal, Ecoloxistas en Acción debulla as principais causas dos incendios da última década, entre as que subliña as queimas agrícolas, as queimas para a obtención de pastos e os intereses urbanísticos. Asemade, lembran que algúns dos grandes incendios dos últimos anos favoreceron recualificacións con intereses urbanísticos. Trala súa análise, o colectivo pide que as administracións asuman de xeito urxente a necesidade de reducir o número de lumes e adoptar medidas extraordinarias para acabar coas principais causas dos incendios forestais.