Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xunta xeral de accionistas

Pescanova carga outra vez contra a Xunta polo freo ao proxecto de Touriñán

Malia ter negociado xa as localizacións alternativas á planta paralizada na costa do país, a empresa teima na pelexa.

Redacción / EP - 09:00 24/04/2008

"O Goberno revisa agora criterios que eran pouco lóxicos", comentou esta cuarta feira Manuel Fernández de Sousa, presidente de Pescanova. Na súa opinión, a Xunta vai autorizar piscifactorías en espazos de Rede Natura a través desa revisión, mentres que mantén o veto á construción que Pescanova pretendía en Touriñán.

Aínda e cando a empresa xa negociou co goberno localizacións alternativas na costa galega coas súas correspondentes axudas económicas, o dirixente de Pescanova insiste nesta altura en que esa instalación "adaptábase á normativa" e acusou o Goberno de "razóns políticas e non legais" á hora de negarlle a autorización. "Pescanova perdeu tres anos e iso fixo moito dano", xustificou. De paso, criticou o "atraso" na aprobación do Plan Acuícola, asegurando que prexudicará as empresas do sector xa que "terán que facer maior esforzo investidor".

Ao fío, Manuel Fernández de Sousa asegurou que o seu grupo empresarial non vai estudar novos investimentos en Galiza até 2010, xustificándose na posta en marcha da planta portuguesa de cultivo de rodaballo en Mira, coa que, segundo el, "xa están cubertas as necesidades de mercado e o plan estratéxico".

"Falta de espazo" no porto vigués
"As mercadorías non poden esperar, e a axilidade e dinamización é fundamental", sinalou Fernández de Sousa reparando nos plans de crecemento do Porto de Vigo. O presidente de Pescanova considera que a "falta de espazo físico" fai urxente medidas que permitan o crecemento da terminal viguesa.

"Non hai espazo abondo para os colectores", alertou, advertindo de paso que a presenza de mercados de consumo máis grandes en lugares próximos e o rápido crecemento de competidores como o Porto de Sines, "pode obrigar a elixir outros sitios" para a descarga de mercadorías.

Logo das queixas, Manuel Fernández de Sousa admitiu que a crise económica zoupa menos no mercado onde se move a súa empresa ao "non ser tan vulnerábel a factores como o incremento do prezo dos cereais ou do petróleo". "Cando hai crise as familias compran máis barato, pero non deixan de comer, podemos resistir o envite", sinalou.


2/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: