Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
En Melide

A tirar croios, canto máis lonxe mellor

O II Campionato de Tirapedras da Galiza Central é unha das actividades que encherán a Terra de Melide o 21 e o 22 de agosto, na Xornada de Xogos Populares e Tradicionais.

Redacción - 11:40 17/08/2008
Logo da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional

Logo da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional

"Os xogos populares son a manifestación máis xenuína da cultura do país. Aínda que sexa común noutros países ou nacións, o xeito de xogar máis a capacidade do pobo de adaptalo á súa contorna, así como a súa peculiar visión do mundo é o que lle confire ese carácter diferencial e propio". Así falan dende a Asociación Galega da Xogo Popular e Tradicional (AGXPT) para presentar a II Xornada de Xogos Populares e Tradicionais que se desenvolverá en Melide os días 21 e 22 de agosto.

A festa está destinada a conservar os xogos populares, e transmitilos ás xeracións vindeiras, conseguindo que vello e novos xoguen todos xuntos, enchendo a vila da Galiza central dous días seguidos de diversión e tradición.

A xornada comezará o 20 de agosto, cuarta feira, ao mediodía, cunha carreira de carrilanas, o xogo da corda e unha carreira de tartarugas na Praza do Convento. Despois as actividades trasladaranse á Praza das Coles, onde se xogará á chave e se poderá subir aos zancos. Ao tempo, no Pozo Pequeno, xogarase ao tiro á lata e aos aros e na Rúa Abeledo, a pescar a botella. Ao trompo e á ra xogarase na Trapeira; ás olas na Prazas Ichoas; á mariola e ao tres en raia na Praza da Herba; e ao lanzamento de boina na Rúa do Convento. As actividades terminarán ás 14:00 horas, co circuíto da carreira de aros.

O agardado II Campionato de Tirapedras da Galiza Central
O día seguinte chegará o prato forte do encontro, o II Campionato de Tirapedras da Galiza Central, que comezará ás 18:30 horas na Praza do Convento (antes haberá unha carreira de aros, ao mediodía). A proba xógana escadras de cinco tiradores e tiradoras (clasificados en 2 categorías, as de 8 a 14 anos e a de 14 anos en diante) sobre dianas que viran ou que están movéndose. Cada participante pode facer 5 tiradas, a uns 10 metros da diana. Clasifícanse dous tiradores do escadra (en caso de empate, aumentarase a distancia), pero han de levar, como todos os participantes, un tirapedras construído con galleto de madeira, con ligas lisas de caucho ou látex e badana de coiro.

Hai tempo para adestrar un bocado antes da proba, polo que quen queira inscribirse, aínda ten tempo de practicar. Para apuntarse, tedes até a cuarta feira 20 de agosto (no enderezo electrónico agxpt@tiscali.es ou nos teléfonos 626 838 111 e 699 176 160). Os premios: trofeos e estoxos de viño, ademais de agasallos para todos os participantes.

Xogos tradicionais internacionais na Pontenova
En Santalla, na Pontenova (A Mariña) tamén lle han dar ao patrimonio lúdico, coa II Mostra de Xogos e Deportes Tradicionais, na que participa xente chegada de toda Galiza, Asturias, Castela e León, Portugal e Euskadi. O encontro será o vindeiro sábado 30 de agosto, mais preséntase esta cuarta feira en conferencia de prensa.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O campión dos Tirapedras da Galiza Central en 2007, Guillermo Gómez Lareo
O campión dos Tirapedras da Galiza Central en 2007, Guillermo Gómez Lareo
En Melide tamén se vai poder xogar ao peón
En Melide tamén se vai poder xogar ao peón
A situación do Concello de Melide
A situación do Concello de Melide
A situación do Concello da Pontenova
A situación do Concello da Pontenova