Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Xogos tradicionais

A Pontenova será epicentro dos xogos e deportes tradicionais de Galiza, Castela e León, Asturias e Portugal

A I Mostra de Xogos Tradicionais celébrase o vindeiro 25 de agosto na vila da Santalla, no Concello da Pontenova. Bolos, chave, billarda e moitos xogos máis poderán practicarse durante toda a xornada.

Redacción - 11:30 17/08/2007
Xogando aos pelouros

Xogando aos pelouros

O Torneo Galego de Bolo Celta, o Torneo de Chave, a Billarda, diferentes modalidades de Bolos, o Corte de Troncos en Altura, unha exposición e un obradoiro de xoguetes tradicionais conforman algúns dos preto de 60 xogos e deportes tradicionais de Galiza, Asturias, Castela e León e Portugal que se poderán ver e practicar o 25 de agosto en Santalla, no concello lugués da Pontenova.

A Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT), Brinquedia, Rede Galega do Xogo Tradicional, o Club Deportivo 6 Conceyos (Asturias) e a Asociación Cultural La Tanguilla (Castela e León) e diferentes Federacións e Asociacións culturais e deportivas serán as entidades encargadas de amosar os xogos e deportes tradicionais máis destacados das súas respectivas comunidades.

Na presentación desta xornada lúdica estaban o alcalde da Pontenova, Darío Campos; o delegado provincial da Consellaría de Cultura e Deporte, Xoan Xosé Molina; o deputado lugués, encargado dos deportes, Antón Veiga; o secretario de Brinquedia, Rede Galega do Xogo Tradicional, Paco Veiga e Carlos Bermúdez, membro do Comité Organizador da Mostra.

Xogos tradicionais: cando xogan os vellos cos novos
Todos os intervintes na presentación destacaron a importancia da recuperación dos xogos tradicionais, que axudan a dinamizar a vida nas vilas, e a interacción e convivencia entre novos e vellos. Tamén se falou da posibilidade de que esta xuntanza se converta nun evento de referencia en toda Galiza, sobre todo pola diversidade e cantidade de actividades distintas que a compoñen.

Por outra banda, o evento desenvólvese nunha parcela de 4.000 metros cadrados da vila, rodeada de alpendres, cabozos, hórreos e monte, sen dúbida nun marco incomparable semellante aos espazos utilizados antigamente para a realización destes xogos.

O obxectivo desta mostra, que a organización pretende consolidar nos anos vindeiros, é a de concienciar á cidadanía para que non esqueza os xogos e deportes que se practicaban antigamente, e non só iso, senón que os adultos e maiores ensinen aos nenos e nenas como se desenvolven estes xogos, que conforman o patrimonio lúdico, para que volvan a formar parte do seu tempo de lecer.

Deporte no medio das leiras
Asociacións e deportistas de toda Galiza, Portugal, Asturias e Castela e achegaranse á Pontenova para exhibir os xogos que practican nas súas zonas e ensinarlles aos asistentes a orixe destes, o seu desenvolvemento e as súas variantes.
Preto de 60 xogos e deportes tradicionais poderanse ver e practicar na pequena vila de Santalla, o vindeiro 25 de agosto, dende o mediodía até as 19:00 horas da tarde.

De entre todas as actividades destacan o Torneo Galego Individual de Bolo Celta e o Torneo de Chave, que traerá xogadores de toda Galiza até Santalla.


4,13/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: