Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
1º DE MAIO

A CIG mobilizou milleiros de traballadores en Vigo 'por un modelo económico máis xusto'

CC.OO e UXT tamén xuntaron un bo número de simpatizantes nas súas nove manifestacións, sendo a máis numerosa a da cidade olívica.

Redacción - 13:30 01/05/2008

Vigo acolleu as meirandes manifestacións galegas neste primeiro de maio marcado polo temor ao inicio dunha crise económica, resultado, segundo Suso Seixo, secretario xeral da CIG, "do modelo económico neoliberal". Segundo Seixo, esa crise terá en Galicia "unha dobre incidencia" porque se notará na precarizacón do traballo e peche de empresas en territorio galego", pero "tamén afectará aos traballadores galegos que emigraron a outras partes do Estado".

A manifestación central do sindicato nacionalista foi a máis numerosa de cantas se organizaron no país, sumando entre dous mil e doce mil persoas, segundo as fontes. Discorreu sen incidentes polas rúas do centro de Vigo, onde a consigna máis coreada foi 'Draka non se pecha', en referencia á planta que esta multinacional ten en Mos cuns 100 traballadores e que anuncia o seu peche para finais de ano. Tamén expresaron o seu rexeitamento a novo recheos na Ría de Vigo, e o seu apoio aos máis de 70 sindicalistas imputados pola súa participación nos conflitos do naval e da construción.

No manifesto que a CIG presentou neste 1º de maio, saliéntase que "o modelo económico é destrutivo co medio ambiente e os recursos naturais, máis da metade da poboación do planeta está en situación de pobreza extrema e máis de 3 millóns de persoas morren ao ano por falla de alimentos. A riqueza que crea a clase obreira co seu traballo está concentrándose en menos mans, mentres os salarios perden valor e se precarizan as condicións de traballo".

A CIG cita datos publicados pola OCDE en 2007, nos que se afirma que nos oito últimos anos as empresas no Estado español aumentaron os seus beneficios netos nun 73%, máis do dobre que a media da UE, que se incrementou nun 36.6%. Pola contra, os salarios aumentaron neste mesmo período o 3.7%, cinco veces menos que na UE, que rexistrou un incremento do 18.2%. Para o sindicato, "estes resultados obedecen á política de pactos que nestes anos están asinando CCOO e UXT coa patronal en Madrid para a negociación dos convenios". A central nacionalista conclúe que a clase traballadora galega debe mobilizarse "por un novo modelo socioeconómico en beneficio da maioría da humanidade e da propia natureza".

UXT e CC.OO. pediron medidas para paliar a recesión económica
UXT e CC.OO. acudiron unidos a todas as marchas, agás a de Pontevedra. Segundo os datos facilitados polos propios sindicatos, xuntaron un total de vinte mil persoas nas nove manifestacións, sendo a de Vigo a máis numerosa, con dez mil asistentes (1.500 segundo a policía local), destacando igualmente as da Coruña (que este ano era o acto central de ambos os dous sindicatos), con catro mil (dous mil segundo datos oficiais), e a de Ferrol con tres mil.

Os dous sindicatos centraron as súas reivindicacións na xustiza salarial e na necesidade de adoptar medidas para paliar os efectos da recesión económica: "debemos cambiar o noso modelo produtivo e ampliar as bases do noso patrón económico, outorgando maior peso á industria e a tecnoloxía, con máis investimentos nestes campos, así como en infraestruturas, equipamentos e capital humano e garantindo bos salarios, e un SMI cada vez máis próximo á media dos países da nosa contorna e reforzar o noso sistema de protección social".

Así mesmo, demandáronlle ao goberno bipartito un maior compromiso coas políticas sociais, especialmente con aquelas que atinxen ao desenvolvemento da Lei de Dependencia. Finalmente, poñen o acento na solución de problemas sociais a escala planetaria, reivindicando unha globalización máis xusta, así como un pacto mundial contra a pobreza.

CXT e CUT

Por outra banda, ao redor dunhas 800 persoas participaron na manifestación convocada pola Confederación Xeral do Traballo (CXT) e Central Unitaria de Traballadores (CUT) que percorreron o centro de Vigo tras unha pancarta na que podía lerse 'Loita e dignidade fronte ao Goberno e a Patronal'.Os manifestantes dirixíronse cara á Porta do Sol ao ritmo de gaitas e pandereitas e con pancartas nas que se recordaban conflitos en empresas como Urbaser ou Procsa. Ademais, nesta marcha varias persoas ían disfrazadas de tren de alta velocidade con vagóns de cartón nos que se lía 'Degradación do territorio' ou 'Contratos lixo'.

Manifesto da Corrente Sindical de Esquerdas

Manifesto da Corrente Sindical de Esquerdas


Documentos

Ligazóns

4,64/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A manifestación da CIG en Vigo foi a máis numerosa de todo o país
A manifestación da CIG en Vigo foi a máis numerosa de todo o país
A marcha central de UXT e CC.OO. tivo lugar na Coruña
A marcha central de UXT e CC.OO. tivo lugar na Coruña
José Antonio Gómez, secretario xeral de UXT Galicia
José Antonio Gómez, secretario xeral de UXT Galicia