Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRINCIPAIS MANIFESTACIÓNS

CIG en Vigo e UXT e CC.OO. na Coruña nun 1º de maio con ameaza de crise

Os tres sindicatos centrarán as súas reivindicacións na xustiza salarial, incidindo a central nacionalista na necesidade de mudar o modelo económico.

Redacción - 10:02 01/05/2008

A CIG elixiu de novo Vigo, a cidade con maior conflitividade laboral do país, para realizar a súa manifestación central no Día Internacional do Traballo, co lema Por un modelo económico máis xusto e sostible. En defensa da soberanía nacional. A marcha partirá ás 12.00 horas da Dobrada en dirección cara á Porta do Sol, onde está previsto que remate.

Na roda de prensa na que se presentou a convocatoria, Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG en Vigo, sinalou que "se está a falar dun momento de crise, e nós pensamos que o que está a acontecer está vencellado ao modelo neoliberal vixente, que está sustentado na especulación do capital, que fixo estoupar a burbulla inmobiliaria, e que agora o noramos na crise inmobiliaria e da construción, que en moitos casos ven motivada pola mala xestión empresarial e non pola falta de traballo". Abraldes concluíu que "A CIG entende que este 1º de maio ten que dedicarse a combater este modelo, porque estamos a ver como as medidas do goberno só favorecen aos máis enriquecidos".

As reivindicacións concretas estarán centradas na negociación dos convenios colectivos, como no caso do transporte, o equipo de Povisa e a limpeza de edificios e locais. Tamén se referiron a outros problemas debido á deslocalización, como o peche de Draka ou a "represión sindical" en Valoriza e Faurecia.

UXT e CC.OO., xuntos e na Coruña
O lema escollido nesta ocasión por CC.OO. e UXT afirma É o momento da igualdade, o salario digno e o investimento produtivo e, tamén como é tradicional, ambas centrais irán xuntas en todas as convocatorias, menos na de Pontevedra, polas súas diferenzas sobre a fábrica de Ence.Así, os máximos responsábeis de UXT E CC.OO., José Antonio Gómez e Xan María Castro, respectivamente, encabezarán a manifestación na cidade herculina que comezará ás 12.00 horas na Praza da Palloza e que percorrerá o centro da Coruña até concluír fronte á Delegación do Goberno. Estes dous sindicatos incluirán tamén o "compoñente internacional" nas celebracións do 1 de maio, pois ambas as dúas centrais demandarán "un mundo mellor e unha globalización máis xusta" e esixirán "unha saída" aos conflitos de Iraq, no Sahara, en Palestina ou no Tibet.

Manifestacións da CIG
VIGO. Ás 12:00 horas, con saída da Doblada.
PONTEVEDRA. Ás 12:30 horas, da Praza da Ferrería
OURENSE. Ás 12:00 horas do Pavillón dos Remedios.
A CORUÑA. Ás 12:00 horas da Praza de Vigo
FERROL. Ás 12:00 horas da Avda. de Esteiro (diante do local do sindicato)
SANTIAGO. Ás 12:30 con saída da Praza Roxa
LUGO. Ás 12:30 horas da Ronda da Muralla (diante do local do sindicato)
A MARIÑA. Ás 12:30 horas de Arcadio Pardiñas (diante do local da CIG)

Manifestacións de UXT e CC.OO.
A CORUÑA: Ás 12.00 horas, con saída da Praza da Palloza e remate na Delegación do Goberno.
FERROL: Ás 12.00 horas, con saída até a Praza de Armas
SANTIAGO: Ás 12.30 horas, concentración na Praza de Cervantes.
LUGO: Ás 12.00 horas, con saída da Casa Sindical e remate na praza de Armañá.
OURENSE: Ás 12.30 horas, con saída do pavillón de deportes dos Remedios até a Subdelegación do Goberno.
VIGO: Ás 11.30 horas, con saída do cruce Vía Norte-Urzáiz con chegada aos edificios administrativos da Xunta.
VILAGARCÍA: Ás 12.00 horas, con saída da Praza de Ravella.


Documentos

Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: