Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O Cineclube celebra o seu aniversario este sábado

Seis anos alimentando a cinefilia en Compostela

Naceu nas aulas da Facultade de Xornalismo da vontade dun grupo de persoas, editou a revista Ariel, e polo seu proxector pasaron centos de filmes, curtas, documentais, de todas as épocas e xéneros. O Cineclube de Compostela celebra esta fin de semana o seu sexto aniversario cunha festa.

Redacción - 14:40 22/03/2007

"O Cineclube de Compostela naceu froito de lle dar saída aos desvaríos inútiles produto da ilusión dunha serie de afeccionados ao cinema e ociosos estudantes de xornalismo. Esta xente, farta xa de se recoller en si mesma, escolleu espallarse pola cidade a repartir pasquíns coma este para tentar espertar algúns cidadáns aletargados". Era o 2001, cando un grupo de alumnos e alumnas de Ciencias da Comunicación comezou a xuntarse para dar saída ás súas inquedanzas. Proxectaban nas aulas ou no auditorio da facultade filmes como A batalla de Chile, de Patricio Guzmán, retrospectivas do documentalista Robert Flaherty, Jean Renoir, de cinema alemán... Pronto comezou a saír á luz a revista Ariel, e as proxeccións facíanse tamén na Sala Yago. Entre exames e traballos, e unha serie continua de mobilizacións (contra a LOU, pola catástrofe do Prestige, contra a guerra...) sacaron adiante a que hoxe é das programacións cinematográficas máis interesantes de Compostela.

Hoxe en día proxectan no local social da Gentalha do Pichel todos os mércores ás 22.00: este ano puidemos ver un ciclo dedicado á cidade, con Jordá, van der Keuken, Godard ou Kaurismaki, outro sobre Pedro Costa, Danièle Huillet e Jean Marie Straub, ou a estrea en Galiza do documental Ao oeste dos camiños de ferro, de Wang Bing. Este 24 de marzo fan nada menos que seis anos, e celébrano por todo o alto cunha festa no mesmo local do Pichel, no que será proxectado Stop making sense, un documental de Jonathan Demme sobre os Talking Heads que se afasta bastante do modelo de vídeo musical imposto pola MTV, a partir das 21.30. Xa sobre as 23.00 comezarán os concertos do grupo Ataque Escampe, que acaban de editar o seu primeiro disco, Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos, na Regueifa Plataforma e o cantautor punk Leo i Arremecághona!!!, cun novo espectáculo no que mantén as cancións de sempre e achega outras novas, mais cambia o traxe de faralaes por algo máis noso.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: