O martes 15 de xaneiro bota a andar o Cineclube Compostela que montaron un grupo de alumnos de Xornalismo. E faino co ciclo 'Clásicos do cinema' e co filme 'Baixo o peso da lei', de Jim Jarmush... Ademais, presentan a curtametraxe "Os días do caos", de José Manuel Bazarra.
A primeira proxección será 'Baixo o peso da lei', de Jim Jarmusch (1986), en 35 mm. O ciclo desenvolverase no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación con pases ás 19:00 e ás 22:00 horas.
A entrada terá un custe de 1,5 € para membros da comunidade universitaria e socios do Cineclube de Compostela e de 2,5 € para o resto do público.
“Cineclube de Compostela” é unha asociación cultural sen ánimo de lucro creada o pasado 25 de abril de 2001 por 8 alumnos da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela coa fin de recuperar unha tradición case xa extinguida nestes tempos –e inexistente nesta cidade, que aos catro ventos proclama ser unha prestixiosa “cidade cultural”.
Logo deste primeiro pase continuarán coa programación regular en 35 mm cada martes ata o mes de xuño en sesións de 19:00 e 22:00. Teñen igualmente programado un ciclo de cine dedicado á figura do director francés Robert Bresson.
Velaquí a programación do mes de xaneiro:
-Martes, 15 de xaneiro de 2002; 19:00 e 22:00:
*Baixo o peso da ley (Down by Law, Jim Jarmusch, EEUU, 1986, V.O.S.E.)
-Martes, 22 de xaneiro de 2002; 19:00 e 22:00:
*Nanook o esquimó (Nanook of the North, Robert Flaherty, EEUU, 1922, V.O.S.E., 16mm.)
*...A Valparaíso (...A Valparaíso, Joris Ivens, Chile, 1963, V.O.S.E., 16mm.)
"Os días do caos"
"Os días do caos", a primeira curtametraxe en cine do director galego Jose
Manuel Bazarra estréase o martes no acto inaugural do Cineclube de Compostela.
Inícianse as proxeccións en formato cine deste colectivo de cinéfilos da
Universidade de Santiago e fano coa estrea en Santiago dunha curtametraxe
rodada en Vigo e no mesmo Santiago durante o pasado verán. A cinta, en 35
mm. e de 24' de duración, conta coa particípación activa do Cineclube e da
propia Universidade de Santiago.
"Os días do caos" conta a historia de catro rapaces inmersos nun círculo do
que non poden saír, o das esperanzas perdidas e as promesas incumplidas.
Catro historias que se cruzan nunha mesma noite.