Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Sobre a ría de Ribadeo

11:25 09/05/2008

Nestes días puidemos lembrar en Ribadeo a un dos impulsores da Ponte dos Santos, Leopoldo Calvo Sotelo. Ninguén pode negar o impacto desta obra, tanto negativo (que o tivo) como positivo (que tamén o tivo). A dinamización da zona, nomeadamente de Ribadeo, é un feito evidente. Teño escoitado, en parladoiros locais, que se fora construída desde Castropol ata Mirasol, xa cara á Vilavella, causaría menos impacto e tería permitido un desenvolvemento máis equilibrado a ámbalas dúas marxes da ría.

Mais non toca hoxe especular co que puido ter sido e non foi (outro día xa veremos).Destacamos a obra da Ponte dos Santos porque nos serve como exemplo dunha obra ben integrada no contorno, de impacto innegábel, pero que tamén supuxo progreso económico e social para o conxunto da poboación. Foi sempre así?

Fixémonos no recheo feito tanto en Mirasol como en Porcillán. E tamén nas naves que permitiron construír alí. Aportou riqueza ao conxunto da poboación? Foi unha inversión que só beneficiou a uns poucos? O escepticismo invade a resposta a estes interrogantes. Ademais, as consecuencias medioambientais e paisaxísticas son visíbeis e están constatadas polos coñecedores deste ecosistema.
Tradicionalmente, a existencia da ría fixo que o porto de Ribadeo se situara ao abeiro proporcionado polo estuario no que desemboca o río Eo. Nos anos 90, cando a ampliación, falouse de porto exterior. Situado na entrada da ría, o seu impacto nunca sería tan grande como o que agora está a ter. Houbo predisposición a estudar a viabilidade, mais ao remate optouse pola vía doada do remendo, máis accesíbel economicamente. E canto máis se traballou no interior, máis inviábel se fixo a que en principio semellaba unha idea interesante.

Actualmente, a situación do porto parece inevitábel. Oxalá os feitos me desmentiran a medio prazo. Eu mesmo me tiraría dos orellas. E con gusto! Agora ben: inevitábel a calquera prezo? Volvemos sempre ao quid da cuestión. Vanse facendo cousas sen planificación, segundo xorden as ideas, sen un esquema previo de fondo que permita deseñar un modelo de desenvolvemento sustentábel, senón improvisando. E agora tocoulle á Ponte dos Santos. Os seus piares tiveron que ser reforzados para soportar o desdobramento. O que antes era unha estrutura aberta que permitía pasar a auga entre as súas partes, agora converteuse nunha zapata pechada (unha para cada un dos tres piares) que vai alterar aínda máis o desenvolvemento das correntes.

E non rematou aí o conto. Portos de Galiza leva un tempo especulando (e digo ben, especulando, porque non houbo transparencia ningunha ao respecto) coa construción dunha nave que ocuparía en torno a 6.000 m2 de superficie (un campo de fútbol regulamentario) cunha altura de 27 ms. (o impacto é máis que evidente: como unha casa de oito pisos). Todo isto, na zona portuaria de Ribadeo, á beira do casco vello. Ben que tardou Portos de Galiza en poñer a información necesaria sobre a mesa para podermos sacar as nosas propias conclusións e defendérmonos dunha agresión coma esta que, desde logo, só vai beneficiar a tres ou catro e prexudicarnos a todos e todas de xeito irreversíbel.

Non nos consideren súbditos aos que ameazar co caos e a crise socio-laboral da comarca se non lles deixamos facer e desfacer ao seu antollo. Acaso imos tamén neste tema ter que agardar a que o “cambio tranquilo” non dea chegado e cando o faga sexa demasiado tarde? É que o señor Manuel Vázquez vai mirar cara a outro lado? É que o señor Touriño vai seguir sorrindo inxenuamente cada vez que visite a nosa ría, de Ribadeo, of course, e nos conte cousas bonitas de reservas da biosfera sen poñer os pes no chan? Acaso a actividade económica que xira en torno á riqueza marisqueira e paisaxística da zona non preocupa? Que? Como en Pontevedra coas Celulosas? Arre demo!

4,46/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...