Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Carreira docente (1)

12:00 11/11/2007

Ninguén pon en dúbida, cando menos de palabra, a necesidade de conseguir unha educación de calidade. Xaora, tampouco ninguén poñerá en dúbida a necesidade de contar cun profesorado de calidade. Para iso hai que atender constantemente os sistemas tanto de formación inicial como permanente. Dignificar a función docente tamén é un logro a manter ao longo do tempo.

Polo que aos sistemas de promoción se refire, dúas son as estratexias deseñadas: a promoción horizontal e a vertical. Na promoción horizontal os profesores e profesoras ven recoñecido o seu labor a través de incrementos salariais ou ascensos, se ben isto non supón modificar os seus labores educativos ou asumir maiores responsabilidades. Na promoción vertical o profesorado ascende laboralmente asumindo tarefas directivas ou de supervisión; sempre, iso si, con incremento salarial. Ámbalas dúas posicións teñen como referente a necesidade de establecer estímulos externos aos docentes para fomentar o seu desenvolvemento profesional. Porén, as dúas difiren na premisa igualitaria ou xerarquizadora implícitas na primeira e na segunda respectivamente.

Os sistemas de promoción teñen por obxectivo mellorar a calidade da docencia e manter a motivación do profesorado ao longo da súa vida laboral. No caso do sistema de promoción vertical búscase, ademais, seleccionar aos mellores candidatos para o exercicio de tarefas directivas ou de supervisión. Curiosamente, nos países que apostan pola promoción vertical o premio aos mellores docentes consiste en deixaren de exercer a docencia. De aí que en ocasións xurdan voces que demandan a desvinculación do acceso a cargos directivos coa promoción en función dos méritos docentes.

Polo que se refire á promoción horizontal, esta debe ser equitativa, transparente e de alta calidade. Non pode ser que o profesorado afincado nas grandes cidades teña acceso a todos os cursos de formación e aquel que presta os seus servizos en zonas afastadas vexa diminuídas as súas posibilidades. A formación a distancia permite paliar esta eiva. Outra cousa é a deriva cara á “cursiñite”. Está nas mans de cada quen ordenar a súa formación; e na da Administración ofertar un abano amplo pero ao mesmo tempo racional.

LOXSE (1990), LOCE (2002) e LOE (2006) teñen como principios e fins da educación a calidade do ensino. Ora ben, só a LOE (no seu capítulo IV) se refire ao recoñecemento, apoio e valoración do profesorado. Tal valoración volve ser tratada no borrador do estatuto docente (xullo de 2007). Nel establécense, ademais dos dereitos e deberes do profesorado, unha carreira profesional que recoñece o seu labor e implicación na docencia. Dixemos borrador do estatuto docente. Todos sabemos como está a conxuntura política actual. Probabelmente sexan as eleccións o 9 de marzo. En xaneiro, vacacións parlamentarias. No que queda de outono non se vai aprobar un proxecto de lei que poida ser debatido nas Cortes. Nada de nada. Todo isto terá que agardar á nova lexislatura. Que ata maio ou xuño non se poñerá en marcha. Lexislativamente mesmo podemos dicir que ata setembro de 2008 non se poñerá a pleno rendemento a cámara.

Volvendo á LOE, a función docente non se limita ao dominio dunha disciplina do currículo; esténdese á formación persoal, vocacional e profesional do alumno ou alumna. Xa que logo, requírese do profesorado unha formación e renovación continua. A carreira profesional docente, deseñada en sete graos, vai ser (iso din) voluntaria, individual, avaliábel e progresiva. Nela teranse en conta a formación permanente, a participación en proxectos de investigación, innovación ou experimentación educativa, a formación continua, a asunción de tarefas e responsabilidades complementarias, a implicación na mellora do ensino, o rendemento dos alumnos e alumnas e o desempeño de cargos directivos. Polo de agora, aínda non consta ningunha directriz nin mecanismo nin criterio específico para avaliar cada un dos graos.

Unha última nota: ao longo de todo o proceso de publicitación da carreira profesional téñense feito infinidade de referencias á carreira profesional médica e do funcionariado das administracións públicas. Ten comentado algún afanado sindicalista: “de que vos ides preocupar se no caso dos médicos quedou todo atado e ben atado e van gañar máis?” Si, é certo. E tamén o é que para os traballadores de Administracións Públicas pode ser unha oportunidade interesante para mellorar as súas condicións laborais e salariais. Mais o mundo do ensino ten especificidades abondo como para manter a súa dinámica propia e non integrarse no conxunto do funcionariado, ou sexa, na Mesa de Administracións Públicas, perdendo así a súa Mesa Sectorial. Imaxinades que todo o persoal docente pasara a depender da Consellaría de Presidencia? Outro día seguiremos co tema e veremos o que aconteceu en Asturies. É moi significativo.

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...