Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COAS NEGOCIACIÓNS ESTANCADAS

Por que a Xunta non recorre xa o FROB?, pregunta o BNG

Os nacionalistas acusan a Feijoo de “estar preso do PP estatal”. Os populares denuncian que o PSdeG boicotea as negociacións.

Redacción - 18:35 04/03/2010

Cando xa se agardaba un paso definitivo no perenne debate da Lei de Caixas, as negociacións entre Madrid e a Xunta semellan estar paradas. Mentres nada se precipita no terreo político, este xoves viviuse o enésimo episodio dunhas declaracións cruzadas entre uns e outros partidos.

Unha semana despois de que se paralizasen as conversas, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, asegurou que o presidente da Xunta non presenta o recurso contra o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) “porque está preso do PP estatal”. Ademais, pediu unha entrevista co presidente do goberno español, Rodríguez Zapatero, para negociar “politicamente” a situación na que se atopa a Lei de Caixas.

Asemade, Vázquez (BNG) demandou que sexa o propio Feijoo quen “compareza persoalmente” para explicar “en que termos” se realizan os contactos co goberno español, así como que explique “cal é a folla de ruta e cales as liñas mestras”. Finalmente preguntouse “até cando se van prolongar as conversas” e asegurou que “non é explicable que o Goberno siga sen presentar o recurso só porque contradiga a liña do PP español”.

Difícil negociación con “quen non quere”
Pola súa parte, o presidente da Xunta defendeuse asegurando que o PP ten “a mesma formulación sobre o sistema financeiro en todo o Estado” e fixo un chamado a “non caer na trampa de xustificar a quen busca vetar a fusión de Caixa Galicia e Caixanova con ruído e confusión”. Ademais reprobou que “haxa dirixentes políticos galegos”, en referencia a Manuel Vázquez (PSdeG), que “acoden a Madrid para boicotear o noso futuro financeiro”.

Feijoo afirmou que “o PPdeG só responde ante os intereses de Galiza”, e destacou que a Xunta “ten moi claro” que quere a fusión entre as dúas caixas. Na mesma liña, lamentou que “algún responsábel de executivo estatal “non teña tempo para negociar a Lei de Caixas en días laborábeis”, mais si para “intentar reducir a súa capacidade financeira en mitins” e insultar a Galiza “en festivos e fins de semana”. “É moi difícil negociar con quen non quere”, concluíu ao tempo que asegurou que a Xunta está disposta a modificar o texto, mais sempre que haxa “respecto” ás “competencias exclusivas” que Galiza ten.

O PSdeG pídelle a Feijoo “que pare esta tolemia”
O líder dos socialistas galegos, Manuel Vázquez, tamén atacou o PPdeG por defender intereses diferentes en Galiza e en Madrid: “o que defende Rajoy é a liña do PP e non creo que Feijoo non saiba ben cal é a liña do seu partido ao respecto”, dixo.

Vázquez exixiu a Feijóoo ''que pare esta tolemia'' e recordou que quen se enfrontou ao Goberno galego na súa afronta de sacar adiante a Lei de Caixas ''non é o PSOE, senón o Consello de Estado, o Tribunal Constitucional e a Confederación de Caixas de Aforro, aos que se suma agora o propio PP de Madrid''. Finalmente, emprazou a PPdeG e BNG a ''sentarnos todos, dialogar coas caixas e buscar o mellor acordo''.


2.33/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: