Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A FAVOR OU EN CONTRA

A fusión das caixas, unha saída necesaria?

Políticos, empresarios, sindicatos e economistas opinan sobre a solvencia das entidades, a mellor vía para manter a súa galeguidade ou sobre a disputa Norte-Sur para a súa sede.

Isabel G. Couso - 09:30 01/03/2010

É a fusión entre Caixa Galicia e Caixanova a mellor saída para o sistema financeiro galego? Ou é mellor opción unha alianza a xeito de Sistema Institucional de Protección (SIP), ben entre as dúas entidades, ben con unha de fóra? O futuro das caixas é, sen dúbida, un dos temas da axenda política máis destacados do que levamos de lexislatura mais, malia as constantes declaracións cruzadas a favor e en contra da fusión, a complexidade da materia fai que o posicionamento a prol ou en contra desta unión sexa tarefa de arroutados ou dos ben disciplinados politicamente, alén dos coñecedores da cuestión.

Para botar luz sobre o tema e dar coas claves fundamentais de todo este proceso formulamos cinco preguntas básicas a políticos, empresarios, economistas ou sindicatos. Escolmamos aquí a opinión de Clodomiro Montero (secretario nacional da federación de Banca e Aforros da CIG); Pedro Puy (profesor titular da Área de Economía Aplicada e deputado do PPdeG), Abel Losada (profesor titular de Historia e Institucións Económicas e portavoz de Economía do PSdeG); Benigno Pereira (presidente da Rede Galega de Empresas); e Xosé Manuel Beiras (catedrático de Estrutura Económica e membro do Consello Nacional do BNG).

Vieiros.- Cales son as causas que levaron as caixas á actual situación de insolvencia?
Os cinco coinciden en subliñar o actual contexto de dificultades económicas conxunturais a nivel internacional e vencellado ao sector inmobiliario. Mais a valoración ofrece diferentes matices. Clodomiro Montero destaca a precipitación coa que as entidades se introduciron en expansións ligadas ao ladrillo e recorda que chegaron a ter, como no caso de Caixa Galicia, participacións empresariais de até un 70% en empresas inmobiliarias. Engade tamén “a falta de control do Banco de España (BE) que, coa súa relaxación, abriu as portas a autorregulación”.

Tamén Benigno Pereira achaca as dificultades actuais a un “exceso de avaricia” por parte dos dirixentes das caixas, que actuaron cun “afán de crecemento desmedido”. Mentres, Xosé Manuel Beiras, fai fincapé no feito de que as caixas “se foron afastando cada vez máis do seu cometido principal, o aforro popular, para operar estritamente como entidades bancarias tomando parte nas grandes operacións financeiras”. Isto, engadido ao boom da construción do Estado Español levou canda si que “canto máis metidas estiveron as entidades neste sector, máis acusaron o rebufo do derrubamento inmobiliario”.

É precisa a fusión entre Caixa Galicia e Caixanova para manter a súa galeguidade?
Aquí a opinión é ben diverxente. Dunha banda, Abel Losada superpón a cuestión da solvencia por enriba da galeguidade: “se ben a dimensión territorial é importante, aínda o é máis que a futura entidade sexa viábel”. Neste sentido, asegura que a fusión non garante a solvencia e pon sobre a mesa outras consecuencias negativas que comportaría esta opción: o peche de oficinas, a redución de postos de traballo e a diminución da competencia. Así, aposta polo Sistema Institucional de Protección (SIP), ben entre as dúas caixas, ben con outra foránea.

Pola contra, Pedro Puy defende a fusión como única vía “que garante a plena galeguidade das caixas” e descarta outras fórmulas como o SIP porque entende que Galiza perdería poder de decisión “ben en favor da entidade resultante, ben a favor do Banco de España”. Clodomiro Montero defende tamén a fusión “en vista de que Caixanova e Caixa Galicia afirman que non poden seguir en solitario” porque “entidades con sede en Madrid xa hai moitas”. Con todo, insiste en que “o verdadeiramente importante é “ir a un cambio na xestión e recuperar o modelo tradicional das caixas de aforro, afastado dos mercados especulativos”.

Na mesma liña se manifesta o empresario Benigno Pereira, quen lamenta que non sexan públicos os datos da situación real das caixas. “A priori, prefiro ter dúas caixas a ter unha”, explica, “non podemos pronunciarnos ante o descoñecemento do seu grao exacto de solvencia”. Con todo, lamenta que esta sexa unha “disputa política” na que non se están a barallar as cuestións realmente importantes e exixe que interveña “a política con maiúsculas” porque “Galiza precisa de grandes liñas de recursos financeiros e ese debe ser o cometido das caixas de aforros”.

Xosé Manuel Beiras, pola súa parte, é moi claro na súa opinión en contra da fusión. “Non resolvería absolutamente nada”, asegura, “se hai dúas caixas enfermas e se funden, o único que conseguimos é que se fundan as súas enfermidades”. Entende que a fusión non é máis que “un pretexto para poder operar nos grandes mercados financeiros internacionais”, un obxectivo para o que é precisa unha maior dimensión. Na súa opinión, pola contra, “o que tiñan que facer as caixas é non operar neses mercados”. Doutra banda, apunta aos intereses do Estado Español, que promove unha maior concentración do capital financeiro, estratexia na que se enmarcaría o devandito Fondo de Reestruturación e Ordenación Bancaria (FROB), o que pretende, a un tempo, restar competencias nesta materia a Galiza, ademais de a Euskadi e Cataluña.

Para contrarrestar estes movementos, Beiras apunta ao poder político galego, que debería “centrar os seus esforzos en protexer o exercicio das súas competencias para garantir que os centros de decisión das caixas sigan en Galiza”. Nesta liña, aposta ás claras por un SIP entre as dúas caixas galegas. “O lóxico sería non só manter as dúas caixas, senón que houbese moitas máis”, asegura, “incluso con achegas de capital público, mais os neocons que dirixen o PP e o PSdeG non apostan, loxicamente, por esta vía”. Para o saneamento das dúas entidades, defende esta alianza, co acordo do Banco de España, que debería estabelecer unha articulación, se ben non descarta que o destino a longo prazo dese SIP rematase en fusión.

Ser máis grande é garantía dunha mellor xestión? Que outras medidas serían necesarias?
Abel Losada rexeita o que considera “a mitoloxía do tamaño” e defende que “nun mercado cada vez máis competitivo, o que marca a diferencia é a boa xestión”. Ademais apunta á necesidade de “ir liberándose dos activos menos sólidos, como os inmobiliarios”. Pedro Puy subliña as medidas incorporadas na Lei de Caixas, “como que a Xunta se reserve unha maior capacidade de supervisión, cunha representación máis plural, tamén un maior control dos mercados e do Banco de España”.

Tanto Benigno Pereira como Clodomiro Montero consideran máis prioritario que, sexa cal sexa o futuro das entidades, no futuro adiquen as súas reservas ao financiamento da economía produtiva do país. Alén de coincidir, Xosé Manuel Beiras lamenta algúns dos puntos que conforman a mencionada Lei de Caixas, por “aumentar a presenza do poder político e rebaixar os coeficientes necesarios para a toma de decisións, permitindo que sexan as entidades quen decidan a fusión”, o que se traduce en que “dada a actual hexemonía do PP”, podería ter liberdade “para decidir por exemplo que se fusionen con Caja Madrid”.

Neste proceso hai un constante debate Norte-Sur. Como se poden solventar estas diferenzas entre A Coruña e Vigo e cal sería a sede máis práctica para a futura caixa?
Tanto Pedro Puy como Benigno Pereira cualifican esta disputa como “localismo desfasado”. “O que vai en favor de Galiza non vai en contra de ningún galego”, asegura Puy achacando a polémica os alcaldes socialistas que “antepoñen os seus intereses electorais”. “Se foramos a metade de nacionalistas do que somos localistas xa seriamos independentes” di con sorna Pereira. Pola súa parte Abel Losada prefire non apostar por ningunha situación: “non podemos impoñer dende o ámbito político unha fusión que xa é rexeitada abertamente por unha das dúas caixas”, reitera ao tempo que destaca que a cuestión do lugar non é agora o tema de debate.

Beiras rexeita que esta sexa tan só unha cuestión de debate localista. Subliña que a “natureza das dúas caixas é diferente”, do mesmo xeito que a súa situación actual é diferente: “canto máis apostaron polo financiamento da base produtiva do país, menos afectadas están por esta crise”, recorda. Caixa Galicia apostou en maior medida polo capital, mentres Caixanova o facía polo aparato produtivo e Beiras entende que, antes de encerellarse noutros debates hai previamente que resolver este conflito das dúas formas de capital en Galiza (capital diñeiro e capital industrial).

Tal e como se están a desenvolver os acontecementos, cal pensa que será o futuro das dúas entidades? Logo dos últimos rumores (Quintás, Touriño, Paco Vázquez), quen podería presidila?
Os cinco coinciden en subliñar que, á vista dos acontecementos, o futuro vai depender das estratexias do goberno galego e do español. Abel Losada engade: “resúltame difícil ver un escenario de fusión cando unha das caixas está en contra”, mais se “a Xunta segue apostando pola fusión sería imprescindíbel acudir ao FROB, polo que a última palabra teríaa o Banco de España”.

No referente á presidencia tampouco hai pronunciamentos. “O que teño claro”, di Clodomiro Montero, “é que ningún dos equipos das dúas caixas está hoxe capacitado para seguir adiante: non pode ser que despois de todo isto sigan mandando os mesmos que empregaron as entidades para o seu propio enriquecemento persoal”. Pereira aposta persoalmente por Xosé Manuel Beiras como bo xestor dunha nova entidade. Pola súa parte Pedro Puy insiste: “máis alá das persoas, o que é fundamental é que sexan bos xestores”. Pouco máis se atreven a vaticinar. “Aínda non son pitoniso”, di Xosé Manuel Beiras.


4,82/5 (44 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O futuro das caixas galegas decidirase entre a fusión ou unha alianza a xeito de SIP, ben entre elas, ben con entidades foráneas
O futuro das caixas galegas decidirase entre a fusión ou unha alianza a xeito de SIP, ben entre elas, ben con entidades foráneas
Clodomiro Montero é secretario nacional da federación de Banca e Aforros da CIG
Clodomiro Montero é secretario nacional da federación de Banca e Aforros da CIG
Pedro Puy é profesor titular da Área de Economía Aplicada e deputado do PPdeG
Pedro Puy é profesor titular da Área de Economía Aplicada e deputado do PPdeG
Abel Losada é profesor titular de Historia e Institucións Económicas e portavoz de Economía do PSdeG
Abel Losada é profesor titular de Historia e Institucións Económicas e portavoz de Economía do PSdeG
Benigno Pereira é presidente da Rede Galega de Empresas
Benigno Pereira é presidente da Rede Galega de Empresas
Xosé Manuel Beiras é atedrático de Estrutura Económica e membro do Consello Nacional do BNG
Xosé Manuel Beiras é atedrático de Estrutura Económica e membro do Consello Nacional do BNG