Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANÁLISE (II)

O Plan E ou como maquillar as cifras de emprego

Malia que un dos obxectivos deste proxecto era combater o paro, as contas apuntan á creación dun posto de traballo por cada 14 mil euros.

Isabel G. Couso - 09:50 10/11/2009

O fomento do emprego foi, dende un comezo, o principal obxectivo que o goberno estatal marcou para o chamado Plan E. Cunha taxa de paro instaurada no 17% (hoxe raia o 18%), pretendeuse dar unha rápida (e segundo moitas voces precipitada) resposta ao axuste do sector da construción, que estaba a liderar a destrución de postos de traballo. O Plan tiraba así da obra pública para contrarrestar o crecente paro que asfixiaba a un sector outrora líder e estratéxico para o Estado Español.

Segundo as estatísticas do propio executivo, o Plan E xerou en Galiza un total de 23.778 postos de traballo (datos de outubro), para os que se investiron un total de 334,3 millóns de euros. Se poñemos en relación estes datos, resulta que se creou un posto de traballo por cada 14 mil euros. Estas cifras, con todo, deben ser matizadas: hai que ter en conta que, por exemplo, un traballador que fose contratado para catro obras consecutivas nun ano, de tres meses de duración cada unha, contaría como catro contratacións.

Medida conxuntural e cortoplacista
Dende os sindicatos, se ben recoñecen uns efectos de contratación inmediatos, critican a dimensión conxuntural da medida. "As que se precisan son medidas estruturais", di Antonio López, secretario da Confederación de Emprego da CIG, "xera traballo a medio prazo, mais non fai outra cousa que maquillar as estatísticas do paro".

Na mesma liña se manifesta o portavoz de Formación e Emprego da UXT, Domingo Barros, quen entende que "paliou unha serie de circunstancias negativas que afectaban á construción", mais subliña que, en moitos casos, a xeración de emprego dependeu da "pericia" dos propios concellos. Os gobernos municipais decidiron as obras que consideraron máis pertinentes e, só nalgúns casos, lle deron prioridade ao número de traballadores que estas precisaban. "Non houbo un control exhaustivo sobre os postos de traballo creados", asegura Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO, "e non se nos pode ocultar que houbo certa picaresca como a cesión de traballadores entre empresas ou a contratación de persoas previamente despedidas para contabilizar como novos empregos".

Emprego temporal, masculino e mal pagado
As forzas sindicais critican tamén o carácter do emprego xerado. Ao estar estas medidas ligadas unicamente ao sector da construción derivaron na creación dun traballo eminentemente temporal, non especializado, mal pagado, masculinizado e, as máis das veces, de baixa cualificación. "Non se favoreceron obras que, á súa vez, puidesen fomentar máis traballo no futuro", di Bouza, "polo que o impacto non é máis que puntual".

Doutra banda, critican a propia temporalidade do proxecto: "Canto tempo poden aguantar as arcas do Estado un plan coma este?" pregúntase López. O certo é que o goberno español xa adiantou a posta en marcha doutro Plan E para o vindeiro 2010. Porén, os responsábeis sindicais albiscan algunhas melloras. Primeiro, o feito de que haxa máis tempo para planificar as obras e, polo tanto, que se poida pensar seriamente sobre os traballos que cada unha puidera xerar. Segundo, porque introduce novos condicionantes, como o feito de contemplar criterios ambientais, un campo que os sindicatos opinan que puidera ser máis eficiente laboralmente en Galiza. E finalmente, porque permite adicar parte dos cartos a gasto corrente, de feito que podería contribuír ao mantemento e contratación de persoas para os diferentes servizos sociais municipais.

Finalmente, os representes dos traballadores chaman á posta en marcha de medidas máis efectivas e máis vencelladas coa realidade laboral galega. "En Galiza terían máis resultado outras políticas que apostasen por exemplo polo eido industrial (e non pola construción) porque é onde está historicamente o noso tecido produtivo", explican. A maiores, coinciden en subliñar que, mais que medidas coma esta, o que é preciso é "mudar a estratexia produtiva do país".


Ligazóns

4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O emprego xerado polo Plan E é temporal, mal pagado e masculino
O emprego xerado polo Plan E é temporal, mal pagado e masculino
Os sindicatos exixen que se mude o modelo produtivo e insisten en que o da construción non é un sector prioritario en Galiza
Os sindicatos exixen que se mude o modelo produtivo e insisten en que o da construción non é un sector prioritario en Galiza
O executivo español non estabeleceu medidas de control para comprobar o emprego xerado en torno as obras do Plan E
O executivo español non estabeleceu medidas de control para comprobar o emprego xerado en torno as obras do Plan E