Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONTRA UN ACTIVISTA

Celébranse os primeiros xuízos polo intento de paralizar as obras de Massó

Nos vindeiros meses sucederanse unha trintena de vistas contra os veciños que entorpeceron, en diversas ocasións, os traballos do porto deportivo de Cangas.

Redacción - 18:30 29/09/2009

Ademais da política, a construción do porto deportivo de Salgueirón tamén ten a súa dimensión xudicial. Iniciouse este martes, coa celebración das dúas primeiras vistas contra os activistas que, en diferentes ocasións, trataron de paralizar as obras que se están a acometer, sen licenza municipal, no antigo peirao de Massó.

O acusado nesta xornada foi Antonio San Gabriel, membro do Foro Social de Cangas, quen tivo que presentarse, como acusado nas dúas citas xudiciais. En ambas as dúas foi xulgado como presunto autor dunha falta de coaccións, ao impedir os traballos que a empresa Marina Atlántica está a realizar en Cangas en dúas datas diferentes, o 12 e o 26 de maio pasados.

Cun xuíz substituto na sala, a defensa argumentou que non hai lugar a un delito de coacción. Entende que tal acusación só se sostería se o San Gabriel tratase de impedir algo que, á súa vez, non estivese prohibido por lei. É dicir, o feito de que as obras, aínda hoxe, carezan de licenza municipal, deslexitimaría a denuncia.

A sentenza coñecerase, previsibelmente, nas dúas vindeiras semanas. A acusación solicita en ambos xuízos o pagamento dunha multa económica de 20 días a razón de 60 euros por día, ademais de que se indemnice moralmente aos traballadores cunha cantiade de 500 euros. Ademais, a empresa solicitou a prohibición expresa de que o acusado se achegue pola zona onde se están a realizar as obras, en Salgueirón. Contra a sentenza caberá un posíbel recurso perante a Audiencia de Pontevedra.

Un de moitos
Este foi o primeiro xuízo, mais nos vindeiros días prevese a celebración de moitos máis. Segundo explica Tiago Pérez, do Foro Social de Cangas, "até o mes de decembro, temos pendentes entre 30 e 40 vistas coma esta". A máis próxima será o vindeiro 13 de outubro, cando se sentarán no banco dos acusados outros 16 activistas por outro intento de paralizar as obras no pasado mes de xullo.

Pérez asegura que "son acusacións xenéricas, todas por impedir o paso de camións", e que carecen de calquera tipo de rigor: "na maior parte dos casos os axentes da garda civil decidiron de xeito aleatorio quen estaba cada día en cada unha das mobilizacións e a denuncia segue o seu curso". Con todo, adianta que estes procedementos non frearán a decisión do Foro Social de Cangas de denunciar o que consideran unha ilegalidade, "na defensa do medio ambiente e dos postos de traballo na ría".


Ligazóns

5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxes das detencións de activistas cando tentaban paralizar as obras de Massó
Imaxes das detencións de activistas cando tentaban paralizar as obras de Massó
Nos vindeiros meses sucederanse unha trintena de xuízos de faltas contra os activistas
Nos vindeiros meses sucederanse unha trintena de xuízos de faltas contra os activistas