Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Música e poesía

A Coruña e Vigo ouvean con Ginsberg

O compositor Borja Costa estrea “Música para un ouveo”, unha creación sonora co recitado do texto máis coñecido do poeta beat.

Redacción - 09:30 04/09/2009

Hai dous anos que o “Ouveo” de Allen Ginsberg se pode ler en galego. Agora tamén é posíbel escoitalo, nun espectáculo concibido polo compositor coruñés Borja Costa. “Música para un ouveo” funde poesía e música contemporánea sobre o escenario do Teatro Rosalía de Castro este xoves 3 de setembro, e o venres farao no García Barbón de Vigo.

O poeta Xoán Abeleira é o encargado de recitar o texto, co acompañamento dun grupo de sete músicos. Borja Costa concibiu unha proposta arriscada, para a que compuxo unha partitura aberta a múltiples posibilidades de interpretación que deixa campo aberto á improvisación. Unha creación complexa, con ecos de música de cámara e contemporánea, jazz e “spoken word”.

No escenario, mentres o recitador declama libremente os textos, o director improvisa e transmite as súas decisións aos músicos. “A obra non ten unha única melodía”, explica Xoán Abeleira, “hai moitas opcións melódicas e harmónicas que Borja Costa vai escollendo segundo o estado anímico do recitador e os músicos e o ambiente que se cree. E iso é estupendo para min como recitador, porque evita que caia no estereotipo”.

Novas dimensións
O proxecto foise concibindo paseniño na cabeza de Borja Costa, un compositor nado na Coruña en 1980. Tras o seu encontro con Xoán Abeleira, tradutor de poetas como Rimbaud e Sylvia Plath, propúxolle facer unha nova tradución do poema de Ginsberg e recitalo en directo. “Uninme ao proxecto con entusiasmo porque nel fundo as miñas dúas paixóns, a música e a poesía”, sinala Abeleira.

Xoán Abeleira fixo para o espectáculo novas traducións do poema ao galego e ao castelán. Aínda que estima as existentes, “como son o recitador, necesito empregar as miñas palabras. Defendo que todos os tradutores somos á vez creadores, e ningunha creación pode ser igual a outra, porque cada un ten unha relación diferente co texto á hora de elixir cada palabra”. Con ese texto como base, no escenario a palabra e a música cobran novas dimensións. “Non houbo ningún ensaio igual que o anterior, polo que todos os concertos van ser diferentes. Cada un estará cheo de momentos máxicos que imos creando entre os músicos e o recitador”, explica Abeleira.

Rivas e Alonso como mestres de cerimonias
Cada cidade na que se presente o espectáculo terá un mestre de cerimonias diferente. Na Coruña será Manuel Rivas o encargado de ler o texto introdutorio ao poema, escrito por William Carlos Williams. O venres 4 será Fran Alonso quen presente o espectáculo en Vigo.

Logo “Música para un ouveo” iniciará unha xira por cidades do Estado e de Portugal. Xoán Abeleira confesa que o seu soño sería levala a Nova York e contar daquela cunha recitadora de excepción: Patti Smith.


Ligazóns

4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: