Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Balance até xuño en Galiza

A economía afrouxa o -3,2% no segundo trimestre

O PIB xerado pola economía do país amosa un forte descenso respecto ao mesmo período do ano anterior, a redución foi maior, -4,2%, na española.

Redacción - 10:45 27/08/2009

O gasto en consumo final dos fogares decreceu un 1,6% no segundo trimestre de 2009, seis décimas inferior ao crecemento que experimentou no trimestre anterior. Segundo a análise achegada este xoves polo Instituto Galego de Estatística (IGE), as cifras deberíanse sobre todo ao deterioro do mercado de traballo. O IGE repara tamén na mala evolución doutros indicadores, aínda que con menor intensidade respecto aos primeiros meses do ano. Tal é o caso do índice de vendas de comercio polo miúdo, a matriculación de turismos ou o índice de confianza dos consumidores, que se ben amosan reducións significativas, trátase de descensos menores ca no trimestre anterior.

A contracción da economía galega queda así no 3,2% neste segundo trimestre, cunha taxa intertrimestral de descendo do 0,9%. Son deste xeito dous trimestres consecutivos na poza das cifras negativas en Galiza neste apartado, logo da caída ao -2,1 no balance deica decembro. E atendendo á variación dun trimestre para outro, son xa tres trimestres de contracción, cun -0,3% ao peche de 2008, -1,9 en marzo, e -0,9 desta volta. Así e todo, o descenso do Produto Interior Bruto (PIB) foi ben máis acusado no conxunto do Estado, onde o decrecemento chega ao 4,2% neste mesmo período, unha décima máis que o avance realizado polo INE e un 1,1% respecto das cifras do primeiro trimestre.

Forte mingua nas exportacións
No miúdo dos números, a estatística amosa tamén un incremento no gasto en consumo final das administracións públicas, 5,7%, un chisco menor que no trimestre anterior. Os números da formación bruta de capital, moi semellantes ás cifras negativas da primeira parte do ano, tamén dan conta do frouxo ritmo investidor. Xa que logo, o balance indica redución do ritmo de contracción do sector da construción e das importacións de bens de equipo. Outros indicadores como a produción industrial de bens de equipo e a matriculación de vehículos de carga presentan taxas de crecemento inferiores ao trimestre anterior.

As exportacións sofren neste treito dun significativo descenso do 13,4%, 1,9 puntos menos que no trimestre precedente. A contracción da demanda no resto do Estado, explica o IGE, e nos principais países aos que van destinados os produtos galegos explican este descenso. Pola súa parte, as importacións descenderon un 11,5%, o que supón unha lixeira mellora, 2,7 puntos, con respecto á contracción do trimestre anterior.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: