Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Informe de GREENPEACE E AMIGOS DA TERRA

O millo transxénico cultivado en Galiza é perigoso para a saúde

Os ecoloxistas acusan á Unión Europea de incorrer en graves erros e omisións ao autorizar o cultivo da variedade MON 810 e exixen que se prohiba.

Redacción - 19:15 29/07/2009
Os ecoloxistas denuncian que o informe da EFSA contén moitos erros

Os ecoloxistas denuncian que o informe da EFSA contén moitos erros

A comezos deste mes de xullo, a Unión Europea tomaba unha nova controvertida decisión na súa política sobre Organismos Modificados Xeneticamente (OMX). A autorización de dez anos para o cultivo da variedade de millo MON 810 caducaba, e o executivo comunitario tiña que tomar unha decisión sobre a súa reautorización. Así, a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA), logo de revisar a documentación dispoñíbel e as probas científicas realizadas, concluíu que este millo é seguro. En concreto, o MON 810, comercializado por Monsanto, é o único transxénico autorizado na UE e amplamente cultivado en Galiza, malia estar prohibido en seis países membros (Austria, Hungría, Francia, Greza, Luxemburgo e Alemaña)

A EFSA xa fora amplamente cuestionada polos grupos ecoloxistas pola súa dubidosa independencia e pola súa falta de capacidade para realizar unha análise continuada sobre o impacto dos transxénicos. É máis, 12 países comunitarios xa publicaron un escrito para cuestionar o informe, alegando que "faltan aínda puntos por resolver antes de autorizar definitivamente o cultivo". Pois agora, un novo informe científico feito público por Amigos da Terra e Greenpeace acusa á esta entidade de "practicar ciencia-lixo" e de "incorrer en erros e omisións graves no seu ditame".

Erros e omisións
Entenden que o informe da EFSA "está totalmente viciado e contén importantes erros científicos" polo que piden á Comisión Europea e ao goberno español que rexeiten a autorización deste perigoso millo. Así, denuncian que o devandito documento "menciona, para demostrar a seguridade do MON 810, estudos levados a cabo sobre un cultivo modificado xeneticamente distinto, o MON 863". Tamén subliñan que "non se teñen en conta as incertezas científicas e os informes contraditorios sobre os efectos deste millo no medio ambiente e na saúde".

Segundo explican os ecoloxistas, o informe Ademais, "elude investigar a seguridade das novas proteínas xeradas por este millo polo proceso de modificación xenética" ou "ignora ou resta importancia aos datos que demostran que o insecticida producido por este millo podería ter impactos negativos en lepidópteros e outros insectos". Neste contexto, exixen á Comisión Europea que rexeite o ditame da EFSA, que prohiba o cultivo desta variedade de millo e que busque outra autoridade oficial europea que sexa quen de producir estudos "non interesados e baseados nunha ciencia verídica e independente".


Ligazóns

4,71/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: