Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MÚSICA

Cantos de dúas beiras: o encontro poético entre o galego e o guaraní

O galego Xabier Mugardos e a arxentina Keresú publican un disco que reivindica a lingua como signo da identidade dos pobos.

Redacción - 19:00 29/06/2009
O traballo está gravado nos Estudios Cisma de Santiago de Compostela

O traballo está gravado nos Estudios Cisma de Santiago de Compostela

Gravado en galego e en guaraní, Cantos de dúas beiras é o nome que dá título a un novo disco que acaba de saír á luz, elaborado polo galego Xabier Mugardos e pola arxentina Keresú. No nacemento desta achega cultural, atopamos toda unha declaración de intencións: "galego e guaraní: dous pobos, dúas nacións, dúas vellas linguas minoritarias. Separados polo mar pero unidas polos poetas e músicos que se encontran na necesidade de fortalecer as identidades lingüístico-culturais propias, breando polo dereito dos pobos a preservar e desenvolver os seus idiomas".

Con este traballo, os dous músicos reivindican a lingua como signo de identidade dos pobos. Así, na súa obra propician un encontro poético entre o galego e o guaraní, un paso para vencellar as dúas culturas, integrar diferenzas e confrontar similitudes.

Traxectoria artística
Esta iniciativa xordeu da fusión das carreiras musicais dos dous artistas. Defensor do achegamento da música galega aos sons do Sur, Mugardos é xa un recoñecido compositor e guitarrista galego que conta con catro traballos publicados (O sol que vai chegar; É aí; Son da Terra; e Un feixe).

Pola súa parte, a compositora e vocalista Natalia Carossi (Keresú) cursou estudos de arte vocal, canto lírico e popular cos mestres Héctor Rotger e Rosmaie Helf da Universidade de Música da cidade de Santa Fe, en Arxentina. Formou parte de diversos grupos de música arxentina e latinoamericana cos que realizou varias xiras por países de todo o mundo e gravou dous discos (Aguaí e Espíritu guaraní).

O disco que agora presentan conxuntamente é o seu primeiro traballo conxunto e presenta once cancións, sinxelas, construídas con dúas guitarras e a cálida voz de Keresú. Ademais, foi gravado co mesmo son que o dúo presenta nos seus directos, reivindicando a música como un traballo artesán que non precisa intervención das máquinas.

Podes escoitar un adianto do disco no blog: Mugardos e Keresú


Ligazóns

4,75/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: