Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Solidariedade internacional dende Galiza

A crise protagonizará a quinta edición das Xornadas Anuais de Cooperación

Ourense acolle este sábado o foro de debate especializado no sector, que organiza o Fondo Galego.

Redacción - 08:00 24/06/2009

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza unha nova edición das Xornadas Anuais de Cooperación, que se desenvolverán este sábado a partir das 10.00 horas no Centro Cultural da Deputación de Ourense.

'Cooperar en tempo de crise' é o lema do deste ano, o quinto dende que en 2004 se inaugurou este foro de debate especializado para o sector, ao que asisten representantes de todos os axentes implicados a nivel nacional.

Os obxectivos principais estabelecidos para a discusión son: "Avaliar a situación do sector despois da experiencia do goberno bipartito"; "sinalar as cuestións máis urxentes da axenda presente e futura da cooperación en Galiza, no contexto de crise económica e os seus efectos na solidariedade internacional"; e "abordar algunhas das problemáticas centrais que caracterizan o modelo galego".

As Xornadas, que contan co patrocinio da Deputación de Ourense e do Concello de Allariz, contarán coa presenza de, entre outros, Xosé María Torres, presidente da Coordinadora Galega de ONGD; Guillermo Otero Piñeiro-Maseda, xefe do servizo de Formación e Coordinación Institucional (Cooperación Exterior) da Xunta; e Ánxelo González, vicedirector do IGADI.

Que é o Fondo Galego?
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que actualmente engloba 97 concellos e as catro deputacións provinciais. Fundouse en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais do país no eido da cooperación ao desenvolvemento.

Con isto, o Fondo Galego procura garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do sur e facilitar unha maior sensibilización da sociedade sobre a solidariedade internacional.

Desde a súa fundación, a asociación desenvolveu 116 proxectos en máis de 20 países, e organizou e editou numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do norte e do sur.

Garantiu, ademais, a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, ou Cuba, despois dos furacáns de 2008).


Ligazóns

5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: