Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Deputacións e concellos só dedican o 0,07% á cooperación

Na última década o compromiso cooperante das entidades locais medrou, mais dun xeito moi lento, segundo un informe de axuda ao desenvolvemento presentado esta segunda feira.

A. Rodríguez - 13:30 23/03/2009
Xulio Ríos e Alfredo Novoa na presentación do 'Informe Zero'

Xulio Ríos e Alfredo Novoa na presentación do 'Informe Zero'

O compromiso cooperante das entidades locais do país (concellos e deputacións provinciais) medrou considerabelmente na última década, mais fíxoo moi lentamente. Isto é o que sinala o Informe Zero sobre cooperación para o desenvolvemento, realizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e presentado esta segunda feira en Compostela.

Segundo este documento, os orzamentos dedicados á cooperación polo cento de municipios e as catro deputacións que fan parte do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, non chegan ao 0,07% do total, unha cifra que vai mesmo por baixo do 0,1% que dedica o Goberno Galego, e moi por baixo do compromiso internacional do 0,7%. Esta é unha das eivas máis importantes no compromiso cooperante das entidades locais de Galiza, e fala da ausencia de mecanismos de participación importantes, en canto á colaboración con ONG ou ao traballo propio.

Primeira diagnose completa do traballo de cooperación das entidades locais
Este relatorio, segundo o presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Alfredo Novoa, é de grande importancia, xa que se trata da primeira diagnose completa da situación da cooperación para o desenvolvemento realizada polas entidades locais galegas, feito que o converte nunha referencia fundamental para avaliar o que se ten feito nos últimos 10 anos, e se tracen as liñas do que se debería facer dende agora.

O Informe Zero tamén é, segundo o secretario do Fondo, director do IGADI (instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) e colaborador habitual de Vieiros, Xulio Ríos, que estaba na presentación, unha radiografía completa do traballo dos concellos e deputacións do país neste eido, e realizouse tras recompilar información durante todo un ano. Con el faise unha análise completa, e propóñense unha serie de liñas de acción para conseguir un cambio na situación do compromiso de cooperación para o desenvolvemento nestas entidades.

"Nestes dez anos tomouse conciencia da necesidade de cooperar tamén entre nós mesmos"
Un dos feitos no que máis pararon Ríos e Novoa, e en destacar a "necesidade e importancia" do propio Fondo Galego, como entidade supra-municipal que potencie o traballo común e coordinado, e o desenvolvemento de consensos e sinerxias en materia de cooperación. Segundo os dous responsábeis do Fondo, unha xestión individualizada da cooperación dá lugar a unha multiplicidade de proxectos, demasiado espallados dende o punto de vista sectorial e xeográfico, polo que cómpre traballar en conxunto.

"Nestes dez anos as entidades locais pasaron de non ter presente, no seu día a día, a idea da cooperación a ter unha conciencia clara de que mesmo con poucos recursos se pode facer un bo traballo neste eido", sinalou Xulio Ríos, ao tempo que destacaba que nos concellos pasouse de pensar "en atender, antes, ao propio" a desbotar "por completo esta idea". Nesta liña lembrou que un dos puntos chaves deste cambio de mentalidade foi o esforzo por "tratar de facer políticas cunha mínima incidencia e calidade no relacionado coa cooperación, e sobre todo, de maneira conxunta".

"Máis do 80% da poboación galega está ligada ao Fondo"
De feito, segundo sinalaron, arestora o Fondo ten catro proxectos conxelados, debido á actual situación política, que só conseguiron programar e comezar a desenvolver coa capacidade económica que confire o traballo conxunto. Alén disto, o secretario e o presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade remarcaron a importancia desta entidade, lembrando que, dende o 1997, actúa como un mecanismo para consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galegos en materia de cooperación para o desenvolvemento.

Na actualidade o Fondo está composto por 100 Concellos de todo o país -entre eles as sete cidades e as principais vilas-, e as catro Deputacións Provinciais, e aínda que comezou, segundo dixo o seu presidente, "copiando outros proxectos que se desenvolvían no Estado, como o catalán ou o vasco", neste tempo foi medrando, de tal xeito que hoxe en día é capaz de abordar proxectos "de certa importancia".

"Sen chegar a sermos autocomplacentes, hoxe máis do 80% da poboación galega está ligada ao Fondo. Ben é certo que se só falamos de concellos, serían o 30% os que farían parte deste entidade, pero cómpre destacar que xa son un cento os municipios que traballan conxuntamente na cooperación para o desenvolvemento, e isto non obedece a que os 200 que quedan non teñan unha implicación neste eido", sinalou Alfredo Novoa, ao tempo que Xulio Ríos puntualizaba que "do que se trata" é de ser "eficaces", non de crear "organismos excesivamente burocratizados".


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: