Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xulio Ríos

A credibilidade de Wen Jiabao

11:45 07/03/2008

Dúas sesións, Conferencia Consultiva e Asemblea Nacional. Dous cargos fundamentais a elixir, vicepresidente do Estado e primeiro viceprimeiro ministro. Dous asuntos principais na axenda: benestar social e democracia. Respecto da democracia, unha dobre idea: achegarse á cidadanía esixe reformar unha administración obsoleta.

A reforma política da que agora se fala en China supón tamén dous procesos: primeiro, reforma administrativa (reorganización e reestruturación, promoción de novas xeracións), pero tamén innovación (representación do enorme colectivo de inmigrantes, mellora do exercicio dos dereitos cívicos). Será paso a paso, como sempre, experimentando primeiro e xeralizando despois, sen unha teorización pechada e sen un obxectivo do todo definido, avanzando “cruzando o río sentindo cada pedra baixo os pés”, do mesmo xeito que fixeron coa reforma económica (só 14 anos logo de iniciada formulouse o obxectivo de construción dunha economía de mercado socialista). Veremos ata onde alcanza no horizonte de 2020 e se os límites que agora se fixan poden ou non ser superados (do mesmo xeito que a tripla representatividade de Jiang Zemin puxo en xaque os catro principios irrenunciables formulados por Deng Xiaoping). Quizais se trate só dunha estratexia, a de crear aparencias sen alterar a substancia do sistema, ou quizais interiorizouse xa a inviabilidade e os perigos da actual asimetría entre a liberalización económica e o inmobilismo político.

A China de hoxe afronta dous tipos principais de tensións: as sociais, máis abertas e visibles, e as internas, no seo do PCCh, apenas balbuceadas. As primeiras perseveran no medio dun auxe económico que presenta cada vez máis sombras. Os esforzos das autoridades centrais por atallar esta situación non están obtendo, polo momento, o resultado desexado. Por outra banda, iso xera unha ampla insatisfacción en importantes sectores sociais e unha preocupación lóxica por se iso ten a súa causa non no irregular funcionamento da economía ou na insuficiente atención prestada á dimensión ambiental ou social da reforma, senón na inadecuación do sistema político, amplamente enraizado noutro tempo. Diferentes think tank do goberno chinés alertan sobre a importancia de adiantarse. Se esas tensións persisten e transcenden a condición actual de múltiples episodios illados e inconexos, cabe imaxinar que o monolitismo, real ou aparente, que hoxe presenta orgulloso o PCCh, o suficientemente robusto como para opacar quebras internas en aras de consumar o renacemento do país, puidese abrir paso a serias divisións, como xa ocorreu en 1989.

Ese é o maior risco que deberán afrontar os substitutos de Hu Jintao e Wen Jiabao, chamados a dirixir os destinos de China ata 2023 despois do intensivo “curso de formación” dun lustro que agora iniciarán. Para atallalo, a Asemblea Popular Nacional deberá impulsar unha reforma non só do Estado e do goberno senón tamén reflectir o cambio de actitude política do PCCh, quen deberá convencer de que a súa lexítima procura do xenuíno non deriva nun simple xogo de aparencias. O maior desafío será a credibilidade. E tamén por partida dobre: interna e externa.

3,42/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xulio Ríos

Xulio Ríos é director do IGADI e do Observatorio da Política Chinesa. Recentemente publicou Mercado y control político en China (La Catarata, 2007). Entre outras obras publicou La política exterior de China (Bellaterra, Barcelona 2005) e tamén Taiwán, el problema de China (La Catarata, 2006). Asesor de Casa Asia, reside en Pequín. »



Anteriores...