Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANÁLISE

O sector leiteiro ou a fin dun canto

Máis de dúas décadas despois da entrada na UE, o número de granxas de leite reduciuse á décima parte. A pesar da gran aposta pola modernización, os produtores non se libran das vellas pantasmas.

R.Vilar - 09:30 21/06/2009

Hai apenas ano e medio os produtores cobraban máis de 50 céntimos de euro por litro de leite vendido ás industrias. O vento sopraba excepcionalmente a favor dun sector afeito a levar paus. Mais a alegría durou pouco. Dende hai uns meses, a entrada de leite foráneo (de Francia e en moita menor medida de Portugal) está a poñer nunha situación límite ás granxas do país. No último mes, os gandeiros cobraron unha media de 25 céntimos por litro, aínda que hai numerosas familias que non percibiron nin isto.

Mentres que o prezo do leite en orixe cae en picado, os custes de produción seguen a subir. Os profesionais consideran que todo o que sexa vender o leite por baixo dos 30 céntimos significa perder cartos. De feito, consideran que só un prezo que se achegue aos 40 céntimos pode darlle unha vida digna a unha familia.

Un sector en permanente reconversión

Ningún sector como o leiteiro pagou un prezo tan alto pola entrada na Unión Europea. En 1986, máis de cen mil familias de Galiza tiñan boa parte dos seus ingresos ligados á produción do leite. O establecemento do sistema de cotas fixo a primeira gran criba. As granxas que resistían comezaron un acelerado e custoso proceso de modernización baseado na compra de máis cota, de maquinaria e na mellora do gando.

A sempiterna crise que dende aquela sofre o sector foi especialmente dramática nas comarcas rurais da Coruña e Lugo e nas do norte de Pontevedra. Canda o cese de actividade de milleiros de explotacións caía un vizoso tecido de pequenos comercios e profesionais que vivían indirectamente do motor leiteiro. Case un cuarto de século despois da entrada no mercado europeo, só 12 mil familias se dedican á produción de leite. E, aínda así, os peches seguen a contarse por centos cada ano.

Os augurios dos partidarios da reconversión non se cumpriron, nin moito menos, ao pé da letra. Aínda que é certo que moitas das explotacións leiteiras que existían a mediados dos 80 non eran viábeis, tamén o é que pola vía da subvención directa buscouse unha reducción aínda máis drástica do sector.

A desestruturación e a perda da influencia sindical

Mantendo en maior ou menor medida a súa autonomía, Xóvenes Agricultores (de orientación conservadora); Unións Agrarias (socialista); e Sindicato Labrego Galego (nacionalista), foron até o de agora as tres grandes forzas sindicais do país. Como non podía ser doutro xeito, foron perdendo folgos canda o sector. A pesar dos esforzos e das masivas mobilizacións da década dos 80 e 90, entre boa parte do mundo rural foise instalando a sensación de que as loitas eran estériles.

Un exemplo dos cambios no sector é o nacemento hai poucos meses dun colectivo chamado Gandeiros Unidos, que en principio non semella ligado a ningún partido concreto. De carácter estatal (a asociación ten presenza en Asturias e Cantabria) e mostra un rexeitamento radical cara o modelo clásico de organización agraria. Con grande presenza en comarcas como o Xallas e, en menor medida, en Ordes e Tabeirós-Deza, Gandeiros Unidos semella a metáfora dun sector á deriva que xa non cre en practicamente nada. Dúas décadas despois de entrar na UE as granxas reducíronse ao 10%, os tractores teñen o dobre de cabalos, as explotacións quintuplican a produción...mais aínda así, as pantasmas que levan ao peche seguen a ser as mesmas. Coma se sempre estivesemos ás portas da fin dun canto


4,6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: