Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Ramón Vilar

A Boria das Tabernas

11:00 25/07/2007

Nos primeiros anos 90 houbo unha formación de rock en Cerceda que se facía chamar Os Desertores do Arado. A banda acadou certa sona na redonda e, coma tantos grupos naqueles tempos difíciles, desapareceu antes de alumear un primeiro disco. Descoñezo as razóns polas que elixiron o nome. Porén, aquel berro era unha poderosa metáfora do que acontecía no país.

A diáspora, que comezara anos antes, acelerouse a fondo coa entrada no mercado europeo. Galiza tiña 100.000 explotacións leiteiras e todas xuntas, dicían, non acañaban á peor das francesas. Chegou a prédica da reconversión. Pouco a pouco, os paisanos foron depositando as súas vellas armas de guerra. Entregaron gabillos, grades, caínzos e legóns baixo a supervisión das potencias estranxeiras.

Os nosos non o tiveron tan difícil, na corte só había dúas vacas do país que un día de tetos secos colleron, non sen algunha bágoa furtiva, o camiño do matadoiro. Os que tiñan algo de mundo, ou iso lles parecía, daban boria polas tabernas, repetindo o discurso oficial. Seica non había que ter medo. Facían reconto en voz alta:


        - Na parroquia hai duascentas casas con vacas. Dentro duns anos quedarán cento e pico pero esas van ser ben fortes e non miserentas como agora. Eu estiven en Alemania e aló non pasan nin a metade de traballo e ganan o dobre.


Algún rechinaba o dente, outros asentían e a maioría limitábase a moular canda o viño uns bocados de incertidume. Dende aquela xa pasaron dúas décadas e na parroquia poucas máis quedan que vinte casas con vacas. O resto son cartillas que peregrinan a principios de mes buscando a escasa paga da agraria.

Unha xeración enteira aprendeu a muxir outros tetos no polígono d' Agrela, nos tellados de Fuerteventura ou, tempo despois, amoreando o lixo que chegaba a feixes á incineradora de Sogama. Foi unha reconversión muda nun tempo de cemento e uralita que aínda estamos amortizando.

4,6/5 (35 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ramón Vilar Landeira (Rodís-Cerceda, 1973). Director de Vieiros. É licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela. Antes de asumir a dirección de Vieiros, traballou como redactor en La Voz de Galicia e Faro de Vigo. Outra faceta súa é a literaria. Como escritor en lingua galega obtivo diferentes premios de poesía e narrativa. »



Anteriores...