Escribo o sábado 13 de xuño pola tarde. O luns día 15 reunirase a comisión episcopal da doutrina da fe presidida polo arcebispo de Granada don Javier Martínez –xunto con 9 bispos máis- e o “secretario técnico” José Rico Pavés e disque quitarán adiante un documento que levará por título algo semellante a “Nota aclaratoria sobre algunhas obras del Profesor Andrés Torres Queiruga” na que se cuestionarán moitos aspectos da súa teoloxía e dirase que se fai para que o Pobo de Deus non sexa confundido etc... Recoñecerase, seguramente, a “boa intención” do autor en tratar de presentar a mensaxe cristiá dun xeito positivo e actualizado,pero dirase que, aínda sendo bo o intento, as consecuencias son negativas para a Igrexa dado que non é fiel ao Maxisterio, que rompe coa Tradición, co “depósito da Fe”... E todo isto dirase sen utilizar a palabra “condena”.
Publicarase a nota despois de pasar, probablemente, pola comisión permanente do episcopado. Cando leades isto xa saberedes se todo procedeu así ou a “presión” exercida nas páxinas de internet dende o pasado 10 de xuño disuadiu a comisión (seica os seus membros non esperaban que a nova se filtrase).
Ben, xa con isto chegaría para cabrearse ou entristecerse: cuestionarase a reflexión dun teólogo sen ter dialogado previamente con el. Se as cousas son así, qué significan na práctica verbas tan importantes na Tradición como Comuñón, Fraternidade, Participación?
Qué pretende a reflexión teolóxica de Andrés?
Hai xa máis de 30 anos o autor expresábase do seguinte xeito:
“Hai xa tempo que me anda a tentar a idea de ir dándolle forma á intuición de Deus como Pai, como puro amor e bondade. Estou convencido de que ela pode – e quizais deba – reconfigurar toda a teoloxía: ofrece unha nova visión, unha nova perspectiva sobre todos os temas fundamentais (...). A relixión é moitas veces cargada cun peso alleo: experimentada como imposición máis ou menos represiva. Aparece como relixión do deber: da limitación da existencia, da existencia que non permite acougar...Falso. O peso da vida non é o peso da relixión, senón da existencia como tal. É o ser home, o realizarse como persoa o que resulta difícil. Ser persoa: velaí a esixencia, a chamada cara adiante, a tarefa e a dureza da liberdade. A relixión vén xustamente a facer máis levadeira a tarefa. (...). Xa se ve que todo o que impida ver a relixión como graza, liberación, alegría, constitúe deformación ou aínda “blasfemia”. Deus ten que aparecer sempre como “cómplice”, como apoio, axuda...na dura tarefa da vida.”
Velaí condensado o grande esforzo de toda a reflexión teolóxica de Quiruga.
El toma os grandes conceptos do Cristianismo (Revelación, Salvación, Creación, Resurrección...) e fai un enorme esforzo para que tales conceptos sexan intelixibles para as mulleres e os homes do século XXI e para que non digan nada do que non queren dicir: Deus como inimigo, relixión como carga...
O autor tomouse moi en serio contribuír a que a Igrexa sexa “intelectualmente habitable” e por iso reformula o Cristianismo tendo en conta que a Modernidade “conmoveu ata os alicerces” a nosa comprensión da fe, dado que os seus conceptos fundamentais forxáronse na Patrística e na Escolástica Medieval. En tal intento non hai máis que fidelidade ao Concilio cando pide que unha “exposición inadecuada da doutrina” non constitúa “parte non pequena” do ateísmo ou cando pide que a fe precisa hoxe ser consecuente co feito incontrovertible de que o respecto á “autonomía da realidade terrea” constitúe unha esixencia “absolutamente lexítima”.