Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pecha o congreso

Xosé Antonio Gómez recunca na secretaría xeral da UXT-Galicia

Único candidato, resultou reelixido este sábado como secretario xeral do sindicato ao recibir o apoio do 94,96% dos votantes.

Europa Press - 21:00 30/05/2009
Xosé Antonio Gómez, secretario xeral da UXT-Galicia

Xosé Antonio Gómez, secretario xeral da UXT-Galicia

Durante o X Congreso da UXT-Galicia, que se celebrou en Santiago de Compostela dende o pasado xoves e que concluíu este sábado coa elección da nova Comisión Executiva do sindicato en Galiza, Gómez agradeceu o "apoio" prestado polos afiliados e pediu poñer fin ás "mensaxes" que animan a responsabilizar os traballadores da crise económica. Neste sentido, e aproveitando a presenza no congreso do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, o novo secretario xeral da UXT pediulle á patronal "honestidade" e "responsabilidade". De non ser así, advertiu, "a recuperación tardará máis en chegar e danarase aínda máis o tecido produtivo do noso país".

Gómez apostou polo "diálogo social" como medida para reconstruír a economía e pediu maior protección para os desempregados, tanto para aqueles que non contan con prestación coma para os afectados por un expediente de regulación de emprego (ERE) de suspensión temporal. "É momento de arrimar e empurrar", indicou. Ademais, o líder da UXT en Galiza apostou por "continuar coa senda do cambio do modelo produtivo e aseverou que a estas alturas os galegos non poden permitirse competir en baixos salarios. "Temos que competir con traballadores ben formados, dando protagonismo á educación e a cualificación profesional,", apostilou, pero tamén precisou que é importante avanzar "en innovación e tecnoloxía".

Demandas á Xunta

Neste camiño do progreso económico, Gómez sinalou o "desenvolvemento rural" como "factor de cohesión económica, social e territorial" e demandou das administracións a posta en marcha de "políticas públicas de apoio e rendas mínimas" para o sector primario. Neste sentido, centrouse no sector lácteo e pediulle á Xunta que traballe para que esta crise agraria non desemboque na venda de explotacións gandeiras como aconteceu con Leyma Ram, Lagasa ou Larsa. Desta forma, instou a abandonar "a guerra" entre goberno español e comunidades e a "traballar cóbado con cóbado" para afrontar a recesión económica e os seus efectos "negativos" en termos de destrución de emprego e tecido produtivo.

"Presidente, espero que saiba, dende o Goberno de Galiza, deslindar a oposición política das institucións,", pediulle a Alberto Núñez Feijoo, presente no congreso xunto coa titular de Traballo e Benestar Social, Beatriz Mato. Finalmente, Gómez tamén se referiu á política lingüística da Xunta e esixiulle a Feijoo que o galego non se utilice como "instrumento de confrontación ou fractura social" nin como "bandeira exclusiva ou diferenciadora". Neste sentido, mostrouse contrario a "calquera modificación sobre o Decreto do uso do galego no ensino" se non é co "consenso da cidadanía e dos lexítimos representantes políticos e sociais".


3/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: