Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na apertura do seu X Congreso

A UXT apela ao diálogo e a "unidade de acción" dos sindicatos

Xosé Antonio Gómez, chama a converter a crise en "oportunidade para recuperar a ética do traballo" e a converxencia "entre moral e beneficios".

Redacción - 19:15 28/05/2009
Xosé Antonio Gómez, secretario xeral da UXT-Galicia

Xosé Antonio Gómez, secretario xeral da UXT-Galicia

"O traballo, o primeiro", concluía o secretario xeral da UXT-Galicia, Xosé Antonio Gómez, na súa intervención na xornada inaugural deste décimo congreso da formación sindical en Galiza, subliñando o que é lema do colectivo nesta cita. "O traballo ten que ser fonte de dereitos de cidadanía, centro das políticas dos poderes públicos e das decisións económicas dos axentes privados", expuxo Gómez, "a creación de máis e mellores empregos debe ser obxectivo compartido".

No seu discurso, Xosé Antonio Gómez falou do "valor do diálogo" como ferramenta para saír da crise actual. Dese xeito, destacou a colaboración recente con Comisións Obreiras e apostou por seguir na "unidade de acción" en defensa dos dereitos dos traballadores. Ao tempo, pediulle á militancia da UXT e CCOO encontrárense "cos compañeiros da CIG, sen apriorismos, para facerlle fronte aos problemas comúns desta crise".

Balance de logros "saídos do diálogo"
Recordou Gómez o "traballo conxunto" na anterior lexislatura cara ao que cualificou de "fito histórico", ao referirse a diversos acordos que, na súa opinión, "sentaron as bases da transformación de Galiza". "Conseguiuse un modelo novo de formación, un novo servizo público de emprego, están funcionando os pacto territoriais de emprego, novas leis –a do Consello Galego de Relacións Laborais, a creación do ISSGA e a de Participación Institucional dos axentes sociais-", resaltou.

Tamén valorou positivamente ao respecto dos últimos anos o diálogo para a mellora da empregabilidade e cualificación, "as medidas de fomento do emprego e a instauración do salario de inserción laboral". Ao respecto deste caso concreto, instou a Xunta a ampliar orzamentos no escenario de crise. No contexto actual, o secretario xeral tamén definiu de decisións "inaprazábeis" a dotación de liquidez ás familias e empresas e o impulso dun acordo entre os poderes públicos para reactivar a construción de vivenda pública oficial e para reducir o parque de vivendas que quedan pendentes de vender. Tamén destacou a necesidade dunha maior atención para o sector primario; o desenvolvemento e fortalecemento dos servizos públicos e un modelo de protección social para os desempregados máis forte.

Asegurou Gómez que a formación que lidera estará ao lado das reformas que axuden a manter emprego e soster as rendas dos parados, freando o recorte do seu poder adquisitivo. Ao fío, apuntou entre outros desafíos a mellora da formación profesional na empresa e o impulso da capacidade competitiva mediante o investimento en investigación e innovación "para reducir a rotación laboral que é a maior inimiga da produtividade", facilitando ademais a flexibilidade interna a través da negociación colectiva.

O sindicato en cifras
Na apertura do congreso, que se estenderá durante os próximos tres días, a secretaria de Organización e Comunicación de UXT-Galicia, Irene Martínez, achegou balance desde o anterior congreso da formación. Segundo eses datos, a UXT conta en Galiza desde 2005 con 12.351 afiliados máis, incremento do 21,15%, e 537 delegados máis, suba do 12,63%. En total, 69.3504 afiliados e 6.496 delegados. "A UXT continúa ratificándose como primeira forza sindical", subliñou. Explicou ademais que de cada tres afiliados, unha é unha muller, o 37,38%.

Deica o próximo sábado, a UXT-Galicia analizará a xestión realizada pola Comisión Executiva do Sindicato neste último mandato; estabelecerá liñas de traballo e obxectivos que marcarán a acción de cara aos vindeiros catro anos nas xornadas de traballo que xirarán ao redor do Programa de acción, Programa fundamental, normativa interna e estatutos. Finalmente, elixirán os órganos de dirección e control do Sindicato para os próximos catro anos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: