Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Luis Villares Naveira, maxistrado n'A Fonsagrada

"Nas catástrofes causadas polos hidrocarburos hai que erguer o veo, saír á busca dos auténticos responsábeis"

Presentouse un seu estudo, baseado nas ensinanzas do 'Prestige', que pide unha reformulación da lexislación internacional.

A.Rodríguez - 16:45 03/04/2009
Na presentación (de esquerda a dereita), Luciano Varela, Luis Villares Naveira, Xosé Manuel Beiras e María do Carme García Negro

Na presentación (de esquerda a dereita), Luciano Varela, Luis Villares Naveira, Xosé Manuel Beiras e María do Carme García Negro

Esta sexta feira presentouse en Compostela o volume Estudo crítico do sistema de responsabilidade civil por danos causados por hidrocarburos. Ensinanzas do Prestige, un traballo elaborado por Luis Villares Naveira e publicado pola Revista Xurídica Galega (Rexurga), coa colaboración da Fundación Galiza Sempre e a Consellaría de Innovación e Industria.

A presentación coincidiu, ademais, coas polémicas creadas polo peche, por parte do xulgado de Corcubión, da causa do Prestige, que está de actualidade, sobre todo polos recursos presentados -entre eles un último que elaborou o Estado francés, pedindo a implicación dos técnicos da firma que revisou o barco-, e polo feito de que se exculpase o único ex alto cargo público que aínda estaba implicado na mesma, o ex director xeral da Mariña Mercando, Ignacio López-Sors.

En calidade de presidente da Fundación Galiza Sempre estaba Xosé Manuel Beiras no acto, movendo os micrófonos dun lado a outro, tecendo os seus cables, e dándolle a palabra aos presentes. Ao comezo falou Luciano Varela, coordinador da Rexuga -que estaba acompañado de José Juan Barreiro Prado, responsábel de edición desta publicación-, que gabou o traballo feito por Villares no espazo que a revista lle concede "aos investigadores, para que poidan comunicarse". A seguir a quenda de palabra pasou á profesora titular do Departamento de Economía Aplicada e coordinadora do Equipo de Investigación sobre Economía Pesqueira e Recursos Naturais da USC, María do Carme García Negro, quen quixo facer un "discurso sintetizado" do que para ela significa a presentación deste libro de Luis Villares, quen traballou nunha investigación pluridisciplinar sobre os efectos da catástrofe do Prestige que ela mesma dirixiu.

Na procura da "responsabilidade ilimitada"
García Negro explicou que este traballo ten a súa orixe "na resposta á necesidade de desvelar, no plano xurídico, quen son os responsábeis dos danos causados polos hidrocarburos, tomando como exemplo os danos que causou o Prestige en Galiza". Nesta liña, lembrou que se fixeron varios estudos, todos a nivel académico -un deles por ela mesma dirixido, dende a USC, "porque, infelizmente, temos experiencia abonda"-, tendo como obxecto científico o dano causado polo fuel, pero que "nunca pasaron de aí", de valorar as consecuencias da catástrofe "de xeito inmediato, ou de cara ao futuro". Porén, segundo dixo, en Villares atoparon o "perfecto receptor das nosas ansias", de tal xeito que, con este libro comezouse a "percorrer o camiño", de cara a conseguir que se chegue a considerar a "responsabilidade ilimitada" nos danos causados polo transporte de hidrocarburos por mar.

Un achegamento á normativa internacional, crítico, para que se identifique e se faga pagar aos culpábeis
Luis Villares falou ao fin, rapidamente e cunha linguaxe complexa, revelou que este traballo era unha débeda que "tiña pendente" como "cidadán galego", porque cando o Prestige afundiu, provocando a meirande catástrofe ecolóxica da historia de Galiza, el estaba "estudando a oposición", e só puido "acoller voluntarios" na súa casa. "Cando tiven unha oportunidade de facer algo máis, fíxeno", recalcou.

A idea era, segundo dixo o autor deste volume, "achegarse á normativa internacional" no relativo á responsabilidade da sociedade civil nos danos causados polos hidrocarburos, mais facendo unha crítica sobre o que debería ser mudado. Nesta liña, lembrou que hai xa varios traballos feitos que describen a normativa internacional, mais este seu non está feito dende unha "perspectiva compracente", senón que se trata dun achegamento moi crítico, porque pesa moito, segundo sinalou Villares, "a experiencia actual e dramática que supuxo a catástrofe do Prestige, nas nosas costas, na nosa economía e na nosa sociedade".

Nesta liña, lembrou que é preciso superar o vello convenio, que máis ben "bebe das fontes do século XIX, e algúns dos seus principios xa non son aplicábeis no XXI". Nesta liña, falou de asentar as bases dun novo marco xurídico internacional, e foi enunciando, un a un, os alicerces principais sobre os que se debera asentar, que describe no seu traballo.

"Non se lle poden cargar ao capitán do barco todas as culpas, deixando fóra os verdadeiros causantes e os beneficiarios"
En primeiro lugar, falou da "necesidade de ampliar o dano indemnizábel", xa que no actual convenio non se inclúen os danos que os hidrocarburos causa no medio, e as leis ambientais exclúen os efectos causados polos hidrocarburos transportados por mar, polo que hai "un baleiro legal". A seguir referiuse á "modificación do sistema de cuantificación do dano" -xa que co sistema actual hai elementos que pasan por alto no cálculo-, e fixo especial fincapé na necesidade de "ampliar o sistema de responsabilidade civil".

Nesta liña, sinalou que non pode ser responsabilizado de toda unha catástrofe "só o capitán do barco", cando hai unha serie de persoas, como son os responsábeis da carga ou os beneficiarios da mesma, que teñen, tamén, a súa parte de culpa. Villares quixo recalcar esta súa proposta, porque, segundo dixo, "é preciso ampliar a responsabilidade civil nestes casos, até facela ilimitada", ao xeito do que xa se fixo nos EUA a raíz da catástrofe do Exxon Valdez. Tamén falou da necesidade de ampliar os subsidios dos FIDAC, os Fondos Internacionais de Indemnización dos Danos Debidos á Contaminación por Hidrocarburos.

"Hai que instaurar a doutrina do levantamento do veo"
A seguir, Villares mudou o ton, e fixo fincapé no que el chamou "necesidade de instaurar a doutrina do levantamento do veo", para que todos os culpábeis das catástrofes ecolóxicas, económicas e sociais sexan identificados e paguen pola súa responsabilidade.

"Hai que saír á busca dos únicos responsábeis" e "superar este sistema xurídico falsario que deixa a salvo os propietarios da carga, os beneficiarios dela e outra serie de intermediarios que están quedando libres", recalcou esta maxistrado titular do Xulgado de Primeira Instancia d'A Fonsagrada e autor do libro presentado. "Se eles son os que conseguen a riqueza, por mor da explotación destes recursos, tamén teñen que ter a responsabilidade" cando as cousas saen mal, subliñou Villares, ao tempo que acrecentaba que, aínda que o estudo presentado ten "outras moitas miudezas técnicas", o principal é que se reformule as bases do dereito internacional nesta liña, que, "aínda que o parece, non é moito pedir", concluíu.

"Non houbo vontade política de coñecer cales foron os danos da catástrofe do Prestige"
Para pechar o acto, María do Carme García Negro respondeu a unha das preguntas dos xornalistas, que se refería ao Prestige, un caso que ela ben coñece, pedíndolle que explicase por que non se fixo antes unha valoración global dos danos que a catástrofe causou. Ela, que coordinou a única investigación sobre os danos do afundimento do barco que obtivo axuda do goberno español, sinalou que "non existe interese por parte das Administracións, de facer unha valoración global do dano". "Realmente só coñecemos o que se reclamou, pero só do que se pensaba tirar subvencións -do que soubemos aínda con problemas-, e non se fixo unha cuantificación do montante total do dano", dixo García Negro.

"A Administración que debería ter feito o exercicio de tutelar o ben -as nosas costas-, non o fixo, e todo quedou derramado ou morto", continuou a profesora da USC, recalcando que "o resto de organismos que deberan facer algo, nunca responderon. Non houbo ningún plan elaborado por ningún organismo do Estado; houbo estudos sobre os estragos que o vertido do Prestige causou en certas larvas de non sei que praia de Asturias, ou no substrato rochoso de non sei onde... Foron micro-decisións, pero ningún plan colectivo ou conxunto. Non houbo vontade política de coñecer cales foron os danos desta catástrofe", subliñou García Negro, ao tempo que pechaba o acto lembrando que para estudar calquera aspecto relacionado coa catástrofe do Prestige -referíndose a unha investigación que se fixo sobre a afectación dos mexillóns- "case houbo que demostrar e existencia da Santa Trindade".


5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: