Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
TRANSPORTE MARÍTIMO

Europa aproba as novas normas para evitar outro Prestige

Cada Estado membro deberá designar unha autoridade independente que decidirá que facer no caso do accidente dun buque.

Redacción - 19:00 11/03/2009

Logo de anos de tramitación, o Parlamento Europeo aprobou este mércores o novo paquete de medidas sobre seguridade marítima co que a Unión Europea pretende evitar que se repitan catástrofes como a do afundimento do Prestige.

As decisións nas mans dun organismo neutral
Unha delas obriga a crear unha autoridade independente que terá que decidir que facer no caso dun accidente no mar. Con esta medida preténdese que a decisión sexa a máis lóxica e a que menos consecuencias negativas teña sobre o entorno, xa que entende que na actualidade as autoridades locais e portuarias agravan as emerxencias ao rexeitar refuxios aos barcos danados por temor a que poidan verter fuel e prexudicar a pesca e o turismo.

Este organismo será o responsábel de desenvolver unha estratexia axeitada no caso dunha operación de rescate e decidirá a que porto se acolle o buque accidentado. Os diferentes países teñen agora até comezos de 2011 para trasladar esta directiva ás súas respectivas lexislacións.

Lista negra de buques perigosos
Doutra banda, tamén se crea unha lista negra permanente para as embarcacións que non cumpran unhas condicións mínimas de seguridade ou que incumpran reiteradamente as normas comunitarias. As inspeccións serán máis continuadas e máis rigorosas, e serán aplicadas tanto aos navíos fondeados como aos que estean amarrados a porto. Deste xeito, un buque que fora retido en tres ocasións nun período de tres anos terá prohibida a entrada a todos os peiraos comunitarios e non poderá estar fondeado en ningún mar europeo.

Unha vez que un barco pasa a formar parte desta lista negra de navíos inseguros, non poderá abandonala en tres meses e só cando cumpra os requisitos estabelecidos. Se se expide unha segunda orde de rexeitamento, o período de espera ampliarase até un ano e, no caso de que ao remate deste período siga sen cumprir os criterios exixidos, será incluído na lista negra de xeito permanente.

Investigacións reguladas
Outra das medidas incluídas neste paquete estabelece os principios fundamentais que deben rexer a investigación de accidentes. Cada sinistro, sexa moi grave ou non, será investigado por un só Estado membro e só en casos excepcionais se poderán levar a cabo investigacións paralelas.

Do mesmo xeito, os países da Unión Europea deberán exixir aos propietarios que dispoñan de seguro que dea cobertura aos seus barcos, así como deberán ser os responsábeis de comprobar os rexistros de seguridade do navío, incluídas as datas e os resultados de todas as inspeccións. Ademais, os Estados membros tomarán as medidas necesarias para que a administración competente sexa sometida a unha auditoría da Organización Marítima Interncional (OMI) polo menos cada sete anos.


Ligazóns

4,2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: