Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
nova coitelada ao patrimonio na Mariña

Unha construtora volve esbandallar, á calada, o Castro de San Cibrao

As obras non están paralizadas, e a empresa aproveita para ir construíndo os tres edificios dun cento de vivendas que ten proxectados, sobre o xacemento.

A. Rodríguez - 10:30 15/03/2009
O guindastre das obras sobre o castro (clique paa ampliar)

O guindastre das obras sobre o castro (clique paa ampliar)

Se cadra Manuel Lourenzo inspirouse nunha realidade ben próxima para escribir As Dunas, a última obra que representa o Centro Dramático Galego (CDG) baixo a dirección de Quico Cadaval, e na que os protagonistas se reúnen nun spa construído por riba dun castro, na comarca da Mariña. Porque non é un spa, senón tres edificios dun cento de vivendas o que se está a construír por riba do Castro da Atalaia, na vila mariñeira de San Cibrao, no Concello de Cervo, na Mariña, si.

Esta semana a asociación Mariña Patrimonio presentou unha nova denuncia, e van varias, ante a Dirección Xeral de Patrimonio, na que sinalan que houbo novas destrucións no xacemento arqueolóxico do Castro da Atalaia. Ao tempo, exixen unha paralización das obras que aínda non se tramitou.

Os membros desta asociación constataron que houbo novas destrucións no xacemento, das que culpan ao grupo Promociones San Ciprián, responsábel da obra, da que din está a actuar "de mala fe", indo "aos poucos, desfacéndose dun patrimonio arqueolóxico que lle é molesto para os seus intereses inmobiliarios".

As probas da destrución
O 10 de xaneiro de 2008, segundo o informe do arqueólogo Emilio Ramil, na primeira parcela destinada á construción dun edifico de 42 vivendas no castro da Atalaia de San Cibrao -hai outras dúas parcelas, destinadas a outros dous bloques de vivendas-, quedaba unha área arqueolóxica sen alterar de 200 metros cadrados, máis outros 60 metros cadrados pendentes de escavación, o que fai un total de 260 metros cadrados.

O 14 de abril dese ano, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural autorizou movementos de terra e desmontaxe dunhas estruturas localizadas nunha superficie escavada de 68,25 metros. En consecuencia, quedaron, en total, 191,75 metros cadrados de área arqueolóxica que a construtora non podería alterar. Porén, esta semana a asociación constatou que só quedan 15 metros cadrados do xacemento arqueolóxico inventariado. Neste tempo, segundo denuncian dende Mariña Patrimonio, a construtora Promociones San Ciprián esbandallou case 180 metros cadrados de castro, novamente.

A historia dun castro que puido quedar soterrado baixo un edificio de cen vivendas
Do Castro da Atalaia case todo o mundo sabía a existencia, mais, tamén é certo, ninguén se lembrou de poñelo en valor. Porén, o Concello de Cervo, en mans do PPdeG, ignorouno en 2006, cando concedeu varias licenzas de obra para estes tres edificios, dun total dun cento de vivendas. En xuño de 2007 entraron os primeiros camións da construtora na Atalaia, a pesar de que a Delegación Provincial de Cultura mandara, alertada polos veciños, un aviso para paralizar as obras. O Concello tardou catro días en reaxir, e nese tempo a construtora esbandallara unha parte do castro, que despois verteu nunha entulleira no veciño Concello de Xove. Arestora, Patrimonio ten abertas dilixencias contra o Concello de Cervo por non parar o esbandallamento a tempo, e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) e 60 veciños de San Cibrao presentaron un recurso no municipio para que non se constrúa sobre o castro. Alén disto, os veciños tamén presentaron outra denuncia, desta volta ante a Dirección Xeral de Urbanismo, para que sexa revisadas as licenzas de obra que concedeu o Concello de Cervo, xa que poderían ser ilegais -non inclúen un necesario estudo de detalle.

Alén disto, cómpre saber que na zona tamén se atoparon uns petróglifos, que están a ser inventariados, pero que dan conta da importancia que tería o xacemento.

Agora, tras saber da nova destrución, a asociación Mariña Patrimonio, exixe a "inmediata paralización das obras", e que, "a maiores das sancións administrativas que poidan corresponder", se poña en coñecemento do Ministerio Fiscal a "reiterada destrución do patrimonio arqueolóxico histórico, co "agravante de ter provocado a completa destrución dunha parcela de xacemento arqueolóxico inventariado".

"Van construíndo paseniño, paseniño, e nós temos a esperanza de que paren, ao ver que non dan vendido os pisos"
Vivir en primeira liña de costa, e inda por riba, sobre un castro, non vai ser doado. Segundo lle contou a Vieiros Manuel Miranda, membro de Mariña Patrimonio, "van construíndo, paseniño; pero como está todo tapado con cancelas metálicas, non sabemos o que acontece no interior, por iso poden facer o que lles veña en gana", denunciou. Porén, aínda que os veciños non as teñen todas consigo, dende esta asociación confían en que, entre e a crise do ladrillo e a propaganda que eles mesmos están a facer, os pisos non se vendan, e a construtora teña que botarse atrás. "A última denuncia que presentamos en Urbanismo, sobre a ilegalidade das licenzas, podería abrir unha investigación e poderiamos chegar a un xuízo polo penal, pero nós non dispoñemos de cartos para seguir adiante, polo que o que pretendemos é concienciar os veciños, para que saiban que as licenzas non son legais. Hai moita xente que non se fía, polo que os pisos non teñen saída".

Alén disto, Miranda lembrou que dende o Concello xa se lle pediu varias veces á Consellaría de Cultura que lle merque o xacemento á construtora, porque habendo xa licenzas concedidas -que, paradoxalmente, saíron do mesmo goberno municipal-, sería a única saída. Mais agora que o Goberno Galego muda, as cousas poderían axilizarse, "ou volver cara atrás", conclúe Miranda.


Ligazóns

5/5 (16 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Unha imaxe da vila de San Cibrao, no Concello de Cervo (A Mariña)
Unha imaxe da vila de San Cibrao, no Concello de Cervo (A Mariña)
Unha imaxe da zona esbandallada, que vén seguida da sucesión que amosa o destrozo / Imaxes: Mariña Patrimonio
Unha imaxe da zona esbandallada, que vén seguida da sucesión que amosa o destrozo / Imaxes: Mariña Patrimonio
Clique nas imaxes para ampliar
Clique nas imaxes para ampliar